<<

Luck be a Landlord

Este Luck be a Landlord entroume moi ben na primeira sesión de xogo. A idea de facer un construtor de máquinas comecartos, en oposición aos de barallas, agora semella obvia, e a execución neste caso e tal cal podería imaxinar eu mesmo. De feito non ten nada adicional extraordinario: o que vemos no comezo é exactamente o que atoparemos no resto de partidas. Un pouco máis adiante desbloquéanse un par de mecánicas adicionais, como unha loita (monetaria) contra o caseiro, pero emprega a mesma lóxica có resto do deseño, sen sequera integrar novos gráficos. Inda así, sorprendeume que tampouco tivese unha pantalla de parabéns logo de vencer os vinte niveis de dificultade.

Comezo

O camiño ata ese punto foi marcado por un crecente entendemento das sinerxías, de maneira que xa non tiña que ir parando decote para ler as pezas. Nalgún momento tamén activei o modo instantáneo, de xeito que o resultado aparecía directamente na pantalla sen animacións e sen eu ter moi claro, ás veces, como estaba a funcionar a colección de símbolos. Pero, máis a miúdo que non, era capaz de ir pagando o imposto por vivir baixo teito e seguir no ascensor das dificultades. Cando vencín ao caseiro na máis alta non experimentei nin uns intres de entusiasmo, senón que simplemente foi unha partida máis que rematou. Tentaría despois acadar outra consecutiva, pero non fun capaz.

Sorte

Tampouco é algo que considere necesario para aparcar o xogo. Funcionou ben, ante todo nas primeiras horas, como entretemento satisfactorio que non require moita atención, pero xa achegado á ducia de horas era un ritual repetitivo ao que se lle vira todas as costuras. Quedáronme máis da metade de logros por adquirir, pero uns poucos requiren unha cantidade de vitorias enfermizas e outros forzar certas combinacións ata que toque a lotaría. É complicado non ver o xogo como unha crítica ao sistema de alugueiros capitalistas, pero quédame por saber se tamén é unha crítica a moitos xogos similares que tamén son un festival do azar, pero máis enmascarado. O formato da comecartos colle a esencia de moitos deses construtores de barallas e o codifica doutro xeito.

Estatísticas