<<

Shin Megami Tensei: Persona 3 Portable. Capítulo 4

Artigo escrito a man no verán do 2021; as capturas perdéronse.


Antes de comezar este Persona 3 fantasiei con levar o mesmo ritmo no mundo real e no virtual, avanzando neste último unha semana de ficción por cada sete días da miña vida. Tería certo encanto, pero desbotei a idea porque levaría moito tempo e, seguramente, acabaría desviándome da paridade cando tocase unha desas longas incursións. Mais agora vou pola metade do segundo semestre de Laza Tuxe e xa van máis de sete meses dende que comecei a aventura na PSP, polo que moi áxil tampouco son. Tamén é certo que levo pausas de varios meses entre unha serie de sesións e a seguinte, pero agora que xa abesouro o final da historia, agardo poder darlle un último empurrón que me leve até o final. Sempre que a vida real me deixe libre, claro.

O xogo tentoume enganar, sen éxito, sobre ese final da trama. Logo de derrotar a duodécima sombra, os protagonistas (que a estas alturas son un bo feixe deles) montaron unha festa e todo. Pero por moito que todos estivesen tan ledos, e mesmo aparecesen textos dirixidos ao xogador falando de prepararse para “a derradeira batalla”, era imposible que aí rematase todo. Non había explicacións sobre o sucedido, a suposta loita final non foi nada satisfactoria e inda quedaba boa parte do curso escolar. O que abofé me colleu por sorpresa foi que a traizón nacese dentro da residencia, inda que fora de mans do que pasou máis desapercibido. Sabía que tería que ver coa empresa Kirijo, pero apuntaba máis ao pai de Mitsuru cá ningunha outra persoa.

Un pai que se converteu, nese intre de revelación, nunha nova perda persoal para unha protagonista. Agora resúltame obvio que esa é unha das temáticas en torno á cal discorre a narrativa, e como aceptalo e empregalo positivamente é a maneira de evolucionar como persoa (ao mesmo tempo que tamén evoluciona a persona). Non me fica claro que pinta o trío Straga en todo isto: Chidori continúa no hospital e non é moi falandeira, e os outros dous saltaron dunha ponte pouco despois de expor o seu punto de vista. Quero crer que volverán aparecer nalgún outro intre, polo menos a rapaza, e que non será simplemente unha pista falsa impulsada nesta segunda metade para engadir algo de cor. Porque parte da razón pola que me está a levar tanto tempo é que a historia avanza moi a modo. Agardo que no tramo que empecei agora transcorra máis rápido e poida encaixar con todas esas louvanzas a este videoxogo.

Namentres toda esa parte da historia lineal ía pasando, eu comecei novas relacións sociais, amais de avanzar outras ás que non lle adicara moito tempo, coma a Iori e Yukari. Dúas desas novas relacións comezaron no templo, un lugar que non visitaba moito porque algunhas accións que alí se ofrecen son novidades desta versión estendida da PSP e semellaban algo trampulleiras. Porén, pouco pasei por aí e non tiven oportunidade até agora a coñecer á nena e ao moribundo que alí paran. Con ela avancei bastante, con el case nada, con Fuuka no instituto abondo, co vello da discoteca unha cantidade curiosa, etc. Lévome ben até cun can, polo que aproveitei todo ese tempo libre agora que teño o nivel académico ao máximo, inda que non conseguín que Mitsuru me fixese caso ningún.

Eses requisitos, máis ou menos ocultos, para comezar unha nova relación enténdoos ben. O que xa non sei como van son certas transicións das mesmas cando chegan a uns puntos determinados. É habitual que teña unha cita con alguén, que non saia mal pero que o nivel fique estancado. De feito, repetir a cita causa exactamente a mesma escena moitas veces, por moito que diga que evolucionará cedo. Levar unha persona cuxo tipo encaixe coa persoa do vínculo serve para obter unha mensaxe dicindo que pode axudar á relación, mais non comenta como inflúe. Apúntome investigar todo isto cando remate a aventura; supoño que lle quitará maxia pero ando algo perdido co asunto.

O que xa teño máis controlado é o das incursións a Tartarus. Nos últimos ciclos lunares simplemente facía unha viaxe catro días antes da lúa chea. Nesa longa hora escura ascendía continuamente tentando completar as buscas da señora de azul e salvando os cidadáns que atopase polo camiño. De cando en vez volvía á base para fusionar personas, lamber as feridas e gardar partida. E así até chegar até o bloqueo dese mes, onde recollo e volvo á vida normal. Nos últimos meses non me esforcei nada en gañar experiencia de combate, pero os niveis soben igualmente a bo ritmo e non teño problemas nin contra os diversos xefes, algo que si sucedía en compases anteriores. Seica xa domino esta faceta do videoxogo e, se algún día escollo outro da saga, pensaría seriamente en elixir unha dificultade máis elevada. Para logo arrepentir durante as decenas de horas que dura, como é obvio.

P.D.: Penso que estou a repetir moitas cousas nestas entradas sobre o P3P, pero entre tantas liñas e tantos meses, as memorias dos escritos están esvaecidos e tampouco me apetecía ler todo o pasado para poñerme ao día. E iso que refrescar os recordos é exactamente a razón de ser desta páxina. [Inda ten máis graza agora que pasaron preto de catro anos e tampouco lin nunca esas entradas previas.]