<<

The Legend of Tianding

Liao Tianding, segundo este xogo, é unha sorte de Robin Hood taiwanés durante a ocupación do seu país polas forzas xaponesas. Non indaguei no transfondo histórico, pero deixa amosar o maior problema que tiñan na zona de Taipei onde se desenvolve a acción: case non hai mulleres. Agás algunha vella, acompañada do seu vello, case todas as persoas representadas son masculinas. De feito, é probable que se parece unha muller pero ten liñas de diálogo, sexa o propio Liao Tianding disfrazado, algo que sucede polo menos dúas veces. As outras opcións son que sexa a geisha xaponesa demasiado inspirada en Mai Shiranui, ou a amiga do protagonista secuestrada para traballar nun restaurante (e probablemente non servindo comida).

Tianding vella

Eu non completei a misión secundaria de salvar a esta última, polo que no final narrado ficou forzada a casar cun rico xaponés contra a súa vontade. Tentei avanzar un pouco pola morea de contido opcional, pero ao final resumíase en repetir capítulos anteriores buscando cofres ocultos e non me apetecía moito. Os escenarios son bastante grandes e, inda que é posible percorrelos relativamente rápido, tampouco resulta moi satisfactorio. Preferín centrarme en facer só as loitas obrigatorias e avanzar pola historia de maneira eficiente. Dese xeito asegureime que o combate non se tornaba aburrido por repetición e podía aprender máis da invasión de Taiwán.

Cai Chien

Hai unha división clara entre as narrativa e a parte de acción, con pausas explícitas para cambiar dun modo a outro. As exposicións poden ser dentro do propio motor do xogo, coas personaxes falando mediante burbullas de texto, ou en formato banda deseñada cun estilo moi marcado e atractivo; lembroume a un tomo de historias de artes marciais que herdei do meu curmán, lamentablemente só recordo os anuncios en branco e negro de cousas para poñerse forte con pouco esforzo. Realmente o conxunto é sublime, só quedándose un pouco atrás pola gran extensión das partes non xogables, onde é o deseño o que marca o ritmo do xogo no lugar do xogador.

Falsa morte

Eu xoguei no nivel de dificultade máis elevado porque prometía desafío e, logo dos compases iniciais, avanzando todo o rápido que podía sen me deter nas loitas opcionais. A verdade é que, agás algunha sección de plataformas onde as présas pasaron factura, só tiven problemas nun par de xefes, que tamén é certo que son como a metade do xogo. A derradeira pelexa de Liao Tianding foi especialmente tensa, obtendo a vitoria logo de varios tentos xusto coa vida ao mínimo. É certo que non agardaba esa terceira forma do xefe final, pero foi suficientemente curta como para que fora factible logralo a primeira vez que a atopei. Non é o xogo definitivo, pero quedei moi contento coa experiencia e con este acercamento a un recuncho da cultura taiwanesa, mais é unha mágoa que non aclarasen nada desa estraña desaparición de mulleres.