<<

Gearshifters

Estaba a navegar pola miña colección de xogos na Steam Deck cando instalei este sen querer. Pareceume unha boa razón para probalo, confiando en que o meu ego do pasado fixera a escolma axeitada cando o mercou, seguramente por menos do que custa unha bola de pan e para redondear algunha compra a Fanatical. Trátase dun matamarciáns pero manexando un coche pola estrada, un pouco ao estilo do Spy Hunter que si que xoguei pero do que non lembro nada, así que non podo facer comparacións.

Disparos

Máis doado para min é contrapoñelo a calquera de naves. O troco do vehículo soamente é algo significativo en canto que está implementado para que sexa manexado dun determinado xeito que non son capaz de definir con exactitude. Non é fluído coma unha nave dun Gradius, pero tampouco transmite as sensacións de movemento dun coche, por moito videoxogo que sexa. Inda que rematei a campaña, nunca me afixen á lentitude dalgunhas manobras e, moitas veces, non fun capaz de apartarme dalgúns disparos directos e obvios que non serían problemáticos cun vehículo máis manobreiro. Pero como non era algo que puidese trocar, tiven que aceptar e continuar coa aventura.

Técnica

Da mesma maneira, tampouco me prestou o sistema de desbloqueo de movementos, armas e melloras. A verdade é que mellorou bastante unha vez puiden deixar as pouco eficientes metralletas por unha poderosa escopeta a curto alcance, o que marcou as miñas interaccións contra os múltiples inimigos a partir de entón. Xa non agardaba pacientemente a aliñar os meus disparos, senón que me achegaba ben aos vehículos rivais para dar conta deles o antes posible, xa comprendendo os padróns de ataque de cada un deles. Así, maximizaba tamén as recompensas obtidas por destruílos, o cal axuda a manter alto o nivel de vida e a apañar moedas para desbloquear máis melloras. Curiosamente, ao final de todo, deixaba sen eliminar o máximo posible aos inimigos menos perigosos para avanzar pola estrada sen que aparecesen novas ondadas.

Pneumáticos

Coa escopeta equipada non tiven tantos problemas cos diferentes xefes, pero levoume varios tentos dar conta do finalísimo, coa dificultade de ter que percorrer os dous niveis previos para facer de novo a loita. A sensación de alivio unha vez conseguido ese fito foi moi real, e non quedei con ganas de apañar o resto de logros, porque semellaban bastante repetitivos. Coido que foi máis que abondo deste xogo e, xa postos, preferiría probar o Spy Hunter, para ver se é máis próximo aos xogos de naves, ou o Mad Max para gozar dunha loucura vehicular superlativa.

Estatísticas