Pequeños Detectives de Monstruos. A festa de aniversario
Adquirín unha copia de Little Monster Detectives en inglés porque estaba de saldo, e o día seguinte xa estaba a xogar cun cativiño de 3 anos e medio. Inventei unha aventuriña sinxela personalizada, baseándome máis nalgúns exemplos de internet que no propio libro, xa que non propón moitas ferramentas para que funcione con esas idades. Tiña claro que non ía meter dados, mapas e, moito menos, sentar nunha mesa, así que fun pola vía da xincana guiada para ir collendo ritmo. Velaquí a miña guía de actuación:
- Explicar as regras dos detectives: isto é un xogo e os monstros non existen, xogamos para pasalo ben, témonos que portar ben.
- Facer os carnés de detectives.
- Explicar que estamos nunha casa na que, cada día ás 4 da tarde, aparece roupa polo chan.
- Verificar que xa son as 4 da tarde.
- Explorar ata atopar os calcetíns espallados diante dun dos armarios da casa.
- Volver por un trebello para ver pegadas.
- Atopar unha pegada do Monstro de detrás da porta no armario.
- Buscar a pegada do monstro no libro.
- Aprender que se oculta tras as portas e que fai ruído alí.
- Buscar auriculares para saber tras que porta está.
- Atopar a ficha do monstro aí.
- Metelo nun bote.
- Falar con el por un micrófono.
- Escoitar como conta que espalla a roupa porque está triste, xa que non o convidaron a unha festa de aniversario que hai nunha hucha.
- Atopar a festa na hucha.
- Falar ata descubrir que non o convidaron porque nas anteriores festas nunca xogaba cos amigos e pensaban que non lle gustaba.
- Reconciliar as partes e asegurarse de que todos estean felices.
A verdade é que funcionou ben con ese guión tan estrito. Fixen algún cambio sobre a marcha, como o de poñerlle os seus cascos de cancelación de ruído no canto dos auriculares (mala idea, porque tiven que berrar) ou esquecernos da parte do bote e dos micrófonos porque non quería frear esa parte. O de falar co monstro protagonista e os da festa estivo moi resumido porque preferiu forzar el o convite metendo a todos na mesma hucha sen preguntar ás partes implicadas e, como foi todo ben ata entón, decidín deixalo aí. Inda que semellan unha morea de puntos, resolveuse todo nuns 35 minutos, dos cales 15 pasamos facendo o meu carné de Detective V e o seu de detective M (ía suxerir nomes de froitas, pero a caligrafía nestas idades vai xusta para poñer unha letra grande no medio do cartón).
O día seguinte xogamos outra vez o mesmo caso, porque comezo a entender algo da psique infantil e que a repetición é algo positivo para eles. Neste caso foi outro armario o que desordenou o monstro, outra porta tras a que se agochou e a festa dos amigos estaba na caixa da Illa Prohibida, pero o resto mantívose. Este día estivo moito máis metido no papel de investigador, xa sabendo o que se agardaba del, e repetindo os mesmos pasos que na anterior partida. Forcei máis o conflito final para que tivese que negociar con ambas partes e, coa axuda da Detective A, conseguiu deixar a todos contentos. Aproveitei para falar eu tamén co monstro para que entendera que, por moi triste que estivese, non é motivo para facer falcatruadas: o que hai que facer cando se un non se atopa ben é falar con papá e mamá.
Obviamente as sutilezas están fóra de todo lugar, e o Monstro de detrás da porta non é senón unha proxección do propio detective novato. Non coñezo tanto da psique infantil como para saber se isto provocará algún efecto na súa cabeciña ou se estou a crear un trauma máis profundo, pero foi todo dende o amor e, sen dúbida, pasouno moi ben. Xa me dixo que outro día quere que sexan outros os monstros que hai que buscar no libro.