Tale of the Dragon Army
Na década pasada xoguei algo ao Swords and Soldiers HD, completando as campañas e mergullándome un pouco na competición en liña; a miña facción preferida eran os aztecas cunha apertura agresiva que causaba estragos nos rivais con menos experiencia. Non o volvín xogar, pero a súa simplificación dun xogo de estratexia en tempo real é digno de enxalzamento. Do mesmo xeito, este Tale Of The Dragon Army inda vai máis aló cun sistema máis resumido, tamén en boa parte porque non pretende ser un éxito de ventas. Ou iso espero, porque é ofertado de balde para móbiles, sen publicidade, e non ten moitas máis de 1000 descargas na tenda de Google para Android.
Lémbrame un pouco ao Starrows, en canto que a proposta está clara, as ambicións contidas e o resultado non debe ser moi diferente do pensado inicialmente. Dous exércitos opostos, idénticos agás pola cor, loitan nun plano bidimensional a base de recrutar tropas ata que un dos dous castelos sexa derrubado. A falta dun sistema de economía, existe unha barra que se enche continuamente e que podemos facer decrecer para meter novas unidades na liorta, lanzar un par de feitizos ou investigar unha mellora para aumentar o ritmo de crecemento. O límite de unidades en xogo para cada bando obriga a ser estratéxico cos novos ingresos. Todo combina perfectamente, pero o xogo é o que é.
O modo historia non pasa de ser un titorial básico de menos de dez minutos de duración. Logo temos un modo para dous xogadores no mesmo dispositivo, que seguramente sexa entretido abondo, e tres escenarios de dificultades crecentes contra a intelixencia artificial. O doado non o probei, o medio non é medio complicado e no máis difícil teño bastantes fracasos antes de apañar algunha vitoria. Foi divertido en canto que era un gran desafío cunha posibilidade rápida de repetición, coma o Starrows, pero realmente abracei bastante o caos e non pensei moito as tácticas. Agora penso que unha apertura que se basee en defender todo o posible coa primeira torre, antes de lanzar un contraataque definitivo, pode ser a maneira máis elegante e fiable de obter a vitoria.
Vai por descontado que un xogo así non vai gañar premios, pero como pasatempo para unha tarde lenta, ou como pequena competición contra outra xogadora, cumpre abondo. É tentador pensar que, con algunhas incorporacións podería ser un xogo máis completo, pero para iso xa temos o Swords and Soldiers, con moitas máis pezas móbiles pero que tamén perde a graza logo dun tempo. Algo que non é malo, porque o pasei ben con ambos e non me desgustaría probar algún outro deseño cunha premisa similar.