Dicey Dungeons. Capítulo 3
Atopábame eu co móbil preto e unha hora por diante sen ningún outro tipo de entretemento, e pensei que o episodio da inventora no que quedara atascado unha e outra vez igual non era tan complicado se prestaba atención. E abofé! A primeira partida foi outro fracaso, e non me animou moito a continuar, pero a ausencia de outro mecanismo de ocio e a miña teimosía fixéronme repetir, conseguindo o tan ansiado triunfo. Sumáronse a sorte e un pouco de bo facer pola miña parte, xa que fun gardando as mellores conversións de artefactos e tentei non malgastar ningún uso do equipamento, pero seguramente máis sorte que bo facer. Nada que obxectar pola miña banda: superei a misión e encontrei forzas para facer un novo apuxón e ver se podía rematar o xogo.
Non foi mal de todo, ata que chegou o cuarto episodio da bruxa. Nel os rivais son extremadamente fortes e as posibles combinacións da personaxe bastante limitadas; non teño dúbidas de que hai partidas que se poden perder no primeiro andar independentemente das decisións que tomemos. Tampouco axudou que moitos comezos foran moi parecidos, con case idénticas recompensas para encher o libro de feitizos. Así e todo insistín varios días ata obter a esquiva vitoria na partida undécima cun taboleiro centrado en anular os dados rivais co poder do xeo. Tiven tamén fortuna en que o xefe final non castigase esa estratexia, mais penso que podería gañar igualmente porque a variabilidade deses encontros é menor cá das batallas previas consecutivas.
Completar o sexteto do bufón foi, en comparación, un paseo. Tardei un pouco en lembrar a potencia dos ataques básicos repetidos e a importancia de ser capaz de xogar toda a baralla cada vez que activamos a carambola. Dese xeito, episodio a episodio, carambola a carambola, acabei co meu personaxe preferido, listo para o encontro final.
Dende logo, ese descenso final ata o pozo de Fortuna, recrutando vellos inimigos como amigos, é ideal. Premia o coñecemento das mecánicas, ten ampla marxe de manobra e, no meu caso, a derradeira loita foi tan xusta que resultou moi tensa e emocionante, inda que penso que me estafou cando o meu cacto non bloqueou co seu escudo un dos ataques-xuízos de Fortuna. Non obstante, tamén foi máis complicado do preciso porque deixei morrer ao rei rato no combate anterior, e o veleno continuo semella unha solución ideal para un combate tan longo coma este.
Resumindo, este xogo foi unha verdadeira montaña rusa de emocións para min, con intres nos que xurei con non volver, con retornos fracasados e con este último empurrón ata os créditos. Curiosamente, entre medias, recibín de agasallo do amigo invisible xustamente este xogo en Steam, inda que non me atrevín a abrilo alí. No móbil teño as expansións por se quero xogar máis, pero prefiro deixalo aquí por agora, nunha nota alta, que volver caer no pozo de Fortuna e tristeza.