Weapon of Choice DX
Lémbrome de ver algunhas capturas deste Weapon of Choice DX nunha crítica que dicía que de tan feo era bo. Non é que me sinta totalmente identificado persoalmente con esa frase, pero si que me produce algunha tenrura. As imaxes que acompañaban o texto non eran tan terribles como para merecer ser declarado o xogo menos bonito da historia, e os gráficos non son algo que me tire cara atrás normalmente, polo que decidín darlle un tento sincero, tomando o feísmo coma unha manobra de marketing máis ca outra cousa.
Mais, a verdade, é que os debuxos encaixan estupendamente co resto da obra. É un caldo de mecánicas que semellan que non deberían funcionar pero que aí están, formando un conxunto caótico que tamén podería dar considerado como “feo” pero que funciona. Por poñer o primeiro exemplo obvio, o dobre salto ten un compoñente de desafiar a gravidade que non queda claro se é adrede ou un erro de programación ascendido, xa que a personaxe xira sen fin mentres avanza polo ar. Nese intre igual atopamos un inimigo, entra o tempo bala porque estamos moi preto del, activamos o lanzachamas para aniquilalo, pero o retroceso causado por ese arma tan poderosa fai que o protagonista saia voando cara atrás a toda velocidade, intre no cal actívase outro tempo bala, pode que refrescando o dobre salto que aproveitamos para planar cara outro lado onde un monstro estraño está presente e causa a morte do personaxe, mantendo o seu corpo xirando sen vida na mesma dirección ata que remata nun burato do chan. Todo iso era parte da idea inicial do xogo? Pois non o creo. Quedaron os desenvolvedores contentos co resultado? Eu diría que si. Paseino ben xogando esta tolería? Pois tamén.
E non me conformei con atopar os diferentes finais, algo moi recomendable porque unha partida completa ao xogo non pasa dos tres niveis que poden ser superados en dous minutos cada un, senón que inda lle adiquei tempo a completar algúns logros opcionais que me levaron a superar o primeiro nivel en menos dun minuto, vencer o xogo sen matar máis ca dous xefes ou percorrer todo un nivel sen pisar o chan. Uns pequenos entretementos que me serviron para confirmar que manexo ben as mecánicas e a estender o tempo de xogo a pouco máis de dúas horas. Inda quedaron algúns máis complicados sen marcar, pero eses ben os podo gardar para unha segunda volta futura, por se teño algún oco temporal que cubrir matando extraterrestres feos.