Machine Yearning
A premisa aquí é que somos un humano facendo un traballo que só é para mentes mecánicas: solucionar captchas. Para iso, teremos que empregar as nosas habilidades lingüísticas, creativas e de memoria; pero se temos unha memoria perfecta é máis que abondo.
Basicamente existen dúas tarefas: definición e verificación. Nas primeiras teremos un nome e unha serie de figuras é temos que asignar libremente o nome a unha delas. Nas probas de verificación hai que acertar coa definición previa. O xogo complícase ao engadir novas definicións, incluír cores ademais de formas e limitar o tempo. Cada partida comeza dende cero e, no modo campaña, hai que chegar a uns puntos mínimos para poder xogar o seguinte nivel. Chámolle campaña porque é o termo que emprega o programa, xa que en realidade non deixan de ser nove desafíos de dificultade crecente (por requirir máis puntos e, se cadra, integrar formas máis complicadas) sen nada que se saia dese padrón.
A primeira media ducia de niveis foron bastante doados, e penso que non fracasei en ningún. Tampouco apliquei moita mnemotécnica, nin facía falla, pois ben apañei con memoria básica e o emprego ao chou dos obxectos de axuda. Estes foron unha parte do xogo que só aproveitei premendo case ao chou cando dubidaba da opción correcta, polo que nunca os dominei nin aprendín moita da súa simboloxía. De seguro que un control maior dos mesmos sería positivo para o último terzo de niveis, porque o meu paso por eles foi algo desastroso.
Non sei se coincide con algún incremento de dificultade non visible ou foron os nervios, pero nos últimos niveis paseino bastante peor que nos anteriores, e moitas veces fracasaba antes de alcanzar puntuacións que antes non me custaban tanto. Foi aí cando comecei a empregar técnicas de memoria para axudarme na tarefa. Cousiñas como: se a palabra remata nun S mellor asignala a algo con varias formas separadas, se a palabra ten pinta de Bouba/Kiki asignarlle unha figura Bouba/Kiki, se hai unha elección posible que lembre á primeira letra da palabra pois asigno esa, a cor laranxa se corresponde con aquelas palabras que lembren ao idioma neerlandés, etc. Non sempre era posible facer esas correspondencias, pero se as primeiras saían directas por unha desas sincronías pois sabía que o resto da partida sería máis doada. Con todo, levoume varios tentos vencer cada un deses desafíos, pero conseguín o meu propósito de finalizar a campaña.
O deseño resultoume moi enxeñoso, deses que pensas que como é posible que non se fixera antes. Tamén é certo que, con esta implementación dá para o que dá, así que é lóxico que rematase sendo repetitivo. Hai diferentes modos adicionais para obter o maior número de puntos nun tempo determinado ou unha partida sen fin mentres verifiquemos correctamente, pero non é algo que me atraia agora mesmo e non fai máis que confirmar que foi boa idea a pequena campaña progresiva cun fin determinado. Inda que é certo que, co traballiño que me deu, agardaba algo de fanfarra ao rematala, non o menú de sempre encomiándome a repetir a partida.