Gigapocalypse
Non sabía que agardar deste Gigapocalypse que baixei de balde para o meu móbil, quizais algo similar ao Terror of Hemasaurus. Cando saíu o logo de Unity conformeime con que non ardese o dispositivo nas miñas mans mentres a batería baixase sen parar. E, nese aspecto, cumpriu ben! No de parecerse ao Terror, ou ser un xogo pasable, xa non tanto.
Basicamente trata de ver como o noso kaiju avanza cara a dereita, esnaquizando todo ao seu paso grazas ás nosas activacións das súas habilidades. Non temos moita marxe de actuación nin para o bo nin para o malo, polo que cada partida consistirá, máis que nada, na observación da destrución nas diferentes vilas entre que prememos un botón e o seguinte. Inda que fracasemos na misión, volveremos á nosa base onde investir os puntos de experiencia en prol de novas habilidades ou melloras das existentes; e tamén hai un compoñente de Tamagotchi simplificado coa versión bebé do monstro que non sei como encaixa na narrativa. A sensación inicial foi semellante a de aqueles xogos flash consistentes en lanzar algo o máis lonxe posible para obter moedas para poder chegar inda máis lonxe, de maneira que importan máis os números das melloras cá a habilidade do que xoga.
Eu escollín o terceiro dos monstros orixinais e, por sorte, unha vez desbloqueadas certas habilidades que lle permiten rexenerar vida e maná, non tiven que repetir máis que un nivel, porque non manexei ben os movementos contra un xefe ao ser os botóns moi pequenos e estar eu a xogar nunha postura bastante incómoda.
O que se me quedou no corpo é que ten moito traballo ben feito, na parte gráfica especialmente, para logo ter unha parte xogable que case podería ser un salvapantallas pasivo. Unha mágoa porque, despois de finalizar o xogo co meu titán, non teño nin ganas de probar o resto de kaijus por moito que sinta que, seguramente, os seus deseños sexan notables.