<<

AtmaSphere

Teño a idea, a medio desenvolver, de facer unha entrada provisionalmente titulada “De que falo cando falo de escribir (dos xogos aos que xogo)”; aí trataría de contar a motivación detrás de todos estes escritos e por que penso que é positivo. Non obstante, ultimamente unha nova nube negra percorre a miña cabeza: se cadra isto xa é demasiado? Debería baixar o ritmo? Ten razón de ser que estea público para todo o mundo? Non estarei compartindo demasiado? Penso seguir co ridículo nome de Xogón moito máis? Inda non teño nin a primeira resposta, como tampouco teño claro por que vou vir falar do AtmaSphere. Ou, incluso, por que o xoguei.

Caída

O AtmaSphere é o típico xogo de manexar unha bóla por un escenario complicado ata chegar á meta. A diferenza de concepto con outros xogos similares, coma Mercury Meltdown ou Super Monkey Ball, é que aquí manexamos directamente a esfera, no lugar do concepto máis natural de inclinar un escenario para causar inercia na mesma. Isto, case seguro, vén de ser o máis doado na implementación do xogo, igual que calquera outra cousa que poida pasar aquí por deseño intelixente. O obxectivo, en cada un dos niveis, é chegar ata a meta apañando uns cristais polo camiño; tamén hai algo parecido a moedas pero só serven para acumular cara unha serie de logros ou como desafío voluntario (puntos extra para aquel nivel que marcaba mal cantas moedas había e no que conseguín apañar máis do suposto límite máximo).

Física

Os niveis en si comezan sendo máis ou menos razoables e, sen chegar a ser complicados, algúns teñen certas partes que foi o que se lle ocorreu nese intre. Son especialmente molestos os que obrigan a empurrar caixas para facer un camiño, xa que as físicas só semellan compatibles coas do mundo real se asumimos que todos eses obxectos móbiles teñen unha masa cincuenta veces superior á que aparentan. Hai que facer unha mención negativa especial a que, logo de volver a un punto de control por caer fóra do escenario, os obxectos fican no seu estado anterior. Isto pode ser un alivio nuns poucos casos, pero noutros poden deixar un estado case irresoluble; adicarei unha mención negativa especial ao último nivel que ten un tubo pendurando dun fío que é especialmente complicado de manobrar, a base de mortes, para ter algunha posibilidade de cruzar cara o outro lado.

Plataformas

Mais, inda así, xogueino ata ao final durante máis de dúas horas repartidas en múltiples sesións. Penso que non era por escribir aquí sobre el, pero seguramente os logros e a sensación de saber que o podía deixar como completado axudaron. Tras todo isto, non teño ningunha perla de sabedoría sobre se este texto é preciso ou costume, mais coido que a sensación de que, aquí tamén, o poida deixar como completado axuda. Se cadra ese é o núcleo da nube negra da miña cabeza. Se cadra debería meditar sobre de que falo cando falo de escribir (dos xogos aos que xogo).

Grazas