<<

pureya

Con este nome, que parece proveniente dunha versión de Soraya, preséntase este conxunto de minixogos, ao estilo do WarioWare ou do Dreams of Aether, pero con ansias de ser máis elevado. Para iso, esforzáronse no deseño das interfaces, sons e do sistema de desbloqueos, pero na miña opinión deixaron un pouco máis de lado que os minixogos sexan enxeñosos ou divertidos.

Morcego

A razón principal é que estes subxogos deben durar dez segundos, posuír un xeito de apañar bólas en función da habilidade, asumir incrementos de velocidade e funcionar unicamente cos dous botóns de dirección. Todo ese conxunto de requirimentos provoca que sexan comúns os xogos de mover unha personaxe dalgún xeito particular esquivando perigos mentres apuntamos a esas bólas que servirán para a parte de pachinko, perdendo moitas das sorpresas habituais nos WarioWareLike.

111

O pachinko tampouco fai moito pola experiencia. Ten pinta que busca activar as áreas do cerebro que gozan cos xogos de azar, pero para min era unha molestia que só aturaba para poder desbloquear máis contido. Logo dun par de sesións neste modo normal que intercala minixogos e pachinko, botei un ollo aos logros, desactivei os escenarios que se me daban peor e conseguín un par deles. A continuación probei o modo que permite xogar sen tempo límite no mesmo xogo e sumei máis de cen puntos en dous deles: no do descenso en snowboard e no da nave espacial. O logro definitivo pasa por conseguir ese mesmo fito en cada un dos 32 xogos, pero non penso pasar por ese sufrimento, que pode ser eterno no caso do barco pirata.

Barco pirata

Inda así, foi aí cando meditei que ese modo de xogo continuo tiña certo mérito como versións arcade simplificadas co obxectivo de obter a maior puntuación posible, como unha colección alternativa de clásicos dos anos setenta con máis cores e velocidade, un pouco ao estilo do UFO 50. Non é o que o salvará para min actualmente, xa que non me vexo metendo máis tempo para ver se desbloqueo un novo minixogo, pero non é unha mala incorporación para unha ludoteca virtual variada.