Three Dirty Dwarves
Este xogo da Sega Saturn non foi parte da miña colección orixinal, inda que si o aluguei algunha vez. Sería nos meus tempos de eBay cando o atopei ben barato e lle din unha segunda oportunidade. As sensacións, que lembraba ben antes da partida de onte, foron que tiña a súa graza pero que era demasiado doado e non especialmente divertido. Despois da partida de onte, podo renovar esas sensacións dúas décadas despois.
Da historia si que non lembraba nada. Contada a través duns debuxos animados con voces reais, amosa a un grupo de xogadores de rol que son secuestrados por un equipo militar. Será cousa dos tres ananos protagonistas da partida de rol salvar a todo o grupo no Bronx real. Curiosamente a directora de xogo, que será a que fará a tirada definitiva ao final da aventura, é a única personaxe feminina non caracterizada por ese motivo, xa que as dúas monstras que lembro son unha choucha namoradiza e unha vella con carro e paraugas. O resto son bastante variados con padróns de ataque e defensa diferentes que manteñen variación ao longo dos quince niveis do xogo.
Neses niveis hai de todo. Os principais son estilo limpabarrios, coa novidade de que cada anano só ten un punto de vida pero que podemos recuperar para o equipo se lle damos un toque mentres está pámpano, sendo isto precisamente o que causa que o xogo sexa tan doado, porque sempre temos marxe de recuperalo aproveitando os tempos de inmunidade (o modo difícil seica non funciona así, pero non penso entrar aí); de feito só perdín o xogo en dúas ocasións por non estar moi atento, e sempre podemos continuar dende o comezo do nivel en cuestión. De cando en vez hai algún nivel intermedio que cambia as regras, tendo que facer cousas como derrubar un edificio cunha bóla de demolición ou xogar un partido de béisbol, non soen durar moito así que non se fan pesadas. Agás no caso do carro mineiro, un escenario que non era divertido no Cutthroat Island e tampouco o é aquí.
Activei algunhas neuronas que lembraban certas partes do xogo mentres percorría os seus niveis, pero nada moi esaxerado. Tampouco teño claro se algunha vez compartín a experiencia con algún amigo, xa que seguramente con compaña sexa a mellor forma de botar unha partida: en pouco máis dunha hora pódese percorrer toda a tolaría esta sen moitas esixencias para logo ser gardado ata outro ano. Coido que non ten unha rexogabilidade comparable á do Die Hard Arcade ou, moito menos, á do Guardian Heroes. Non está mal para custarme uns cinco euros sen caixa no seu día, polas máis de dez veces máis como se vende agora xa non o recomendo.