Monster Rancher Advance
Metín este primeiro Monster Rancher da Game Boy Advance no móbil para ter algo que non esixira moito esforzo mental e no que puidera avanzar en intervalos de poucos minutos. E abofé que cumpre con eses requisitos, igual que cumpriría unha calculadora á que lle poñas “Ans + 1” e logo premas o botón de igual unha vez tras outra.
A idea pasa por crear, criar, adestrar e facer loitar monstros ata que… non sei moi ben, non semella haber moita historia máis aló de axudar ao rancho que nos asignaron a ser máis famoso. Iso e, supoño que vai implícito, chegar a ser o mellor, o mellor que haberá xamais. Inda que aquí non hai que atrapar aos monstros nin viaxar, máis aló do rancho á vila a través dun menú instantáneo. Con eses menús crearemos novos monstros, adestraremos aos que xa temos e nos inscribiremos nunhas innecesariamente caóticas batallas onde uns zurrarán aos outros.
Para comezar a aventura hai que crear un primeiro monstro en base a catro letras; outras entregas da saga permiten extraelos de cedés pero as limitacións da consola portátil obrigan a esta fonte de entropía máis limitada. A miña primeira creación foi cunhas letras que escollín ao chou “Luso”, que deron un xigante de pedra bastante lento. Adestreino durante un tempo, o cal consiste en simplemente escoller a habilidade a mellorar e ver unha pequena animación. Así pasan as semanas virtuais ata que nos inscribimos nunha loita onde o obxectivo e rematar con máis vida que o contrario antes de que se esgote o tempo. Nos casos nos que participei, o meu monstro sempre era menos poderoso en xeral que os rivais, polo que para obter vitorias tiña que abusar das limitacións da intelixencia artificial e do propio sistema de loitas, intentando facer que pasar o tempo o máis rápido posible cando a min me viña ben.
Fun aprendendo xunto a Luso ata que foi o campión do seu nivel, momento en que o conxelei e, aproveitando que xa tiña a poderosa capacidade de crear monstros de cinco letras, criei a Weros. Este era outro tipo de monstro, máis baixiño pero tamén especializado na defensa. Era lixeiramente mellor que Luso nalgúns aspectos pero tiven que comezar dende o máis baixo da clasificación outra vez, o cal seguramente non foi a mellor maneira de empregar o meu tempo. Tardou en despegar pero sentinme máis cómodo con este novo acompañante ata que vencín nos niveis D e C. O cal significaba que xa estaba listo para crear monstros de seis letras!
Por resumir: Chusky era unha fada pura que non semellaba moi forte nin aliñada co meu estilo, ademais de que a tería que adestrar e levar dende o nivel máis baixo outra vez. Decidín empregar a función de mesturar monstros para facer un híbrido de Weros e Luso. Weso sacou a forma de Weros, as cores de Luso e a forza de ningún. Claramente estaba peor que antes de facer esa mestura, así que decidín abandonar o xogo. Realmente o de repetir os adestramentos unha e outra vez para logo participar nun minixogo de loita non moi interesante non me pagaba a pena, e tampouco quero explorar máis o limitado das mecánicas. Obviamente internet ten as fórmulas para facer un itinerario óptimo, pero dentro do xogo non hai moita información, ocultando todas esas mecánicas para que aprendamos en base á experiencia, pero un pouco máis de guía, inda que sexa con rumores diexéticos, estaría ben.



