<<

EverQuest. Memorias dun neno xogón

Seica a primeira expansión do EverQuest, The Ruins of Kunark, saíu no abril do ano 2000. Eu lémbrome de levar o manual á praia, así que supoño que o merquei no verán dese ano. Vinte e cinco anos máis tarde podo confesar que non ollei ben para a caixa do xogo no Pryca e que me colleu por sorpresa na casa o de precisar pagar por cada mes de xogo. Evidentemente era un concepto totalmente alleo para min, así que nin se me pasou pola cabeza. As primeiras semanas contenteime co manual e o titorial offline que viña incluído, non era especialmente divertido pero deixaba que a miña imaxinación inventase como sería ese servidor real cheo de personaxes manexados por xente de verdade. Unha vez que aceptei que tocaba pagar por caixa, fixen unha exposición sobre o problema económico na casa e pedinlles unha tarxeta de crédito para pagar uns tres meses de xogo por unhas 5000 pesetas. Internet era algo moi misterioso por aquel entón, así que tiven que perxurar que non era unha estafa varias veces e agardar polo extracto bancario para confirmar que todo foi ben.

Portada Kunark

A estas alturas os detalles non os teño claros de todo, pero é posible que nunca pasara do mes de proba ou que o tempo pagado se esgotase pouco a pouco coma un amor de principios de verán. O caso é que probei unha boa morea de personaxes (iksar monxe, ogro bárbaro, humano bardo…) pero ningún chegou a un nivel elevado. O proceso de agardar a que aparecera algún monstro preto dunha vila, ninguén o levará e intercambiar con el lentos ataques automáticos tampouco era a diversión que imaxinaba lendo o manual. Algunha vez se me sumaba algunha outra personaxe, e nos xuntabamos para eliminar perigosas serpes en compaña, pero era máis probable que se me dera por xogar a o xogo de correr por zonas perigosísimas para morrer onde Firiona Vie perdeu a sandalia. Logo tocaba volver polo cadáver, perder inda máis das pouca experiencia que tiña, chegar á vila cun tren de monstros detrás… Non sei, non eran as aventuras máxicas das que falaba todo o mundo, e tampouco tiña pinta de que me fora facer rico vendendo equipamento de elite en eBay como sempre soñei.

Serpe

Unha pequena variación do guión foi cando unha persoa recoñeceu os trazos españois do nome do meu personaxe e fixen un gnomo cun nome similar para xogar co seu tamén gnomo unhas poucas tardes. Tiña moita máis experiencia ca min, polo que me explicou certas cousas, fomos de paseo por algunha cidade e vin máis pantallas de carga en media hora que en calquera outra sesión de xogo. Foi con ese gnomo como máis empreguei a caixa de chat, que adoitaba estar chea de siglas e conceptos que tiven que aprender por contexto.

Gnomo

Esa amizade gnomil non durou moito. Eu conectábame a internet cun módem de 28.8K, que xa por aquel entón era lento inda que non o sospeitase, e só a partir das seis da tarde que era cando comezaba a tarifa plana que tiñamos contratada. Mais era verán, así que moito antes das nove non ía xogar os días de praia. E claro, por sorte, tampouco pasaba a noite xogando, así que pouco podía avanzar se combinamos as sesións de menos dunha hora coa velocidade xeolóxica de gañar puntos de experiencias. Así que as ganas de conectarme foron baixando ao mesmo tempo que aumentaba o sentimento de ter feito o parvo gastando os cartos nesa caixa que non podería xogar sen pagar outra vez.

Interface

Desa experiencia aprendín, dalgún xeito, a non mercar videoxogos con suscripcións pagadas. Xoguei máis horas ao World of Warcraft e ao EverQuest II que a este orixinal, pero non gastei un peso en ningún deles. Tampouco alí atopei a maxia que imaxinaba no ano 2000, e máis dunha vez pensei seriamente en instalar o Project 1999 a ver se xa de adulto podería atopala, mais penso que, en realidade, non sería máis que perseguir un imposible matando moitas serpes virtuais polo camiño.