<<

Final Fantasy VI. Capítulo 3

O planeta foi esnaquizado por Kefka sen que as protagonistas puidesen facer nada para evitalo. Estreamos a nova imaxe do mundo manexando a Celes, coidada por Cid durante todo un ano que pasou en coma. O mesmo Cid que morrerá inevitablemente nos dous días que me tiven que encargar eu del. Ese evento desata os acontecementos que inauguran esta segunda parte do xogo, con Ceres disposta ao suicidio ata que atopa unha mostra da posible vida de Locke. Comezará así a misión de atopar a todos os seus amigos e poñer orde nun mundo que xa nunca será coma antes do cataclismo.

Mundo cambiou

Pero eu tardei bastante en iniciar a busca. Quizais non estaba motivado abondo para comezar de case cero outra vez, explorando un novo vello planeta do que xa non sabía que agardar. Os pequenos avances pasaban por percorrer perigosas áreas naturais cheas de monstros e, de cando en vez, facer contacto con algún vello coñecido para ir formando de novo o grupo. A personaxe que máis me fixo meditar foi Terra. A híbrida atopou un importante rol axudando á cativada sobrevivente dunha vila que perdeu a toda persoa adulta. Inda que os protagonistas insisten en que se incorpore á misión de vinganza, ela pensa que ese é o seu novo lugar e non pensa abandonar a súa nova familia.

Chimpo Celes

É difícil pensar nun traballo máis satisfactorio (e tamén máis duro) que o coidado da infancia, e tampouco conto a vinganza como un móbil especialmente elevado, polo que entendo perfectamente a postura de Terra e nunca a forzaría a deixar ese posto. Pero mentres ía coñecendo máis do mundo e dos superviventes, máis pensaba en que non só foi un evento singular. Kefka segue vivo e ao mando do imperio, causando máis sufrimento e continuando co soño fascista que xa tiña Gestahl. E aí é onde penso que ten senso actuar: non só e facer pagar a Kefka, senón poñer freo aos seus estragos e mellorar a vida no planeta.

Terra guerra

Inda falta moito para que poida facer iso, porque o grupo está a medio formar e debería unirse, polo menos, Locke. Na parte mecánica estou contento con manexar aos xemelgos de Figaro con outro par calquera que cubra o resto de ocos, polo que por min pode quedar Terra facendo de coidadora. Coido tamén que a idea dos espers era, en parte, que as personaxes puideran cubrir varios roles permitindo personalizar máis o grupo, pero eu atopo que a maxia aprendida non é tan significativa, polo que ao final acabo equipando aqueles que outorgan bonificacións coas subidas de nivel, inda que anteriormente os cambiase continuamente para que as personaxes foran aprendendo unha enchenta de feitizos que nunca van empregar.

Celes soa