As caquiñas do gatipedro. Orixe
As caquiñas do gatipedro é un pequeno xogo de plastilina que fixen para a Amorodo Jam 2025.
Eu xogaba case todos os días nunha rúa que tiña de todo: unha pista polideportiva, dúas prazas con bancos, algúns bambáns, un paredón, un tapón azul atrapado nun chan de cemento, un bar… e varios xardíns con moitas merdas de cans. Un día déusenos por armarnos con paus e recoller todos eses excrementos caninos (con sorte). Con, polo menos, media ducia de cativos entregados á misión, podería quedar todo limpo bastante cedo. Mais, cando xa levaba unhas catro ou cinco cacas depositadas nun contedor de lixo (dos xenéricos, inda non había separación de orgánicos no meu barrio), apareceu por alí a miña queridísima madriña.
Inda que pasaba moitísimo tempo con ela, case nunca facía visitas a esa rúa nas horas de xogo, supoño que porque traballaba ata tarde. Pero o fato decidiu que me pillase en plena faena, algo co que non simpatizou en absoluto e que lle pareceu unha porcallada. De nada servía dicir que era unha acción comunitaria ante a inacción do concello ou que non era un xogo habitual, dende aquel entón pasou a asociar totalmente aquela rúa como o lugar onde vai o seu afillado a xogar con merda.
Así que abofé que si: as caquiñas do gatipedro é o meu xogo máis autobiográfico e co que quero poñer de manifesto que unha merda pinchada nun pau pode ser vista ben ou mal dependendo do observador.