<<

Recettear: An Item Shop's Tale

Lembro algún amigo xogando este Recettear ao pouco de saír; semellaba ser un éxito con esa mestura de xogo de rol, personaxes carismáticas e todo o enguedello de rexentar unha tenda. Un pouco paralelamente a iso tamén lembro pensar, uns anos máis tarde, que un choio no que puidese recomendar o xogo de mesa máis axeitado para todo aquel que entrase pola porta da miña tenda non sería algo terrible. Mais coido que ese mesmo día cambiei de opinión, porque eu o que quero é que todo o mundo consuma menos e non me apetece que a miña supervivencia económica poida depender dos vaivéns dun negocio tan complicado. Xa sabes, capitalismo, ho!

Regatear

O mesmo capitalismo levoume a mercar unha copia-licencia polo prezo dun café, quince anos máis tarde, para ver o que me perdín. E, a verdade, é bastante parecido ao que imaxinei, inda que a parte de vender entroulle peor do que cría. Non chegou ao nivel do Karboard Kings, porque ese tiña máis problemas de base, pero foi abondo para confirmar que o de ser tendeiro, virtual ou non, non é a ilusión da miña vida nin algo que se me dea especialmente ben.

Rata xigante

Supoño que o problema vén do sistema de negociación de prezo. Cada vez que unha personaxe mercadora está interesada nun dos obxectos das tenda, temos un pequeno sistema de regateo para acadar un prezo que sexa xusto para as dúas partes. Entendo que cada personaxe ten un limiar variable do prezo máximo que está disposta a pagar, tanto en absoluto coma en relativo, pero pouco forcei para pescudar as peculiaridades de cada unha. Cada vez que non conseguía vender algo sentíao coma un fracaso grande (as frases da protagonista dicindo o mesmo non axudaban), polo que rematei poñendo prezos baixos a todo para me asegurar que movía as mercadorías e gañaba puntos de experiencia de vendedora. Tampouco parecía idea moi mala porque a maior parte dos materiais sacábaos dos alxubes con pouca inversión económica.

Débeda pagada

Esa parte de acción non é tan divertida ou profunda como podería ser un xogo especializado, pero é sólida abondo para ser pracenteira e a miña parte preferida do conxunto. É máis que nada un exercicio de paciencia, cos mellores resultados obtidos ao observar ben aos inimigos e atacar nos momentos seguros; tamén é posible quedar nun nivel eternamente matando monstros para ter máis puntos de experiencia e mellores materiais para vender na tenda. Os xefes de finais de tramo teñen mecánicas máis ou menos memorables que poden ser aprendidas para obter vitorias sen recibir danos, pero certo é que a pícara deume máis problemas dos debidos, especialmente na incursión de boss rush.

Partida gardada

Perdín tres días de xogo, amais dos custes das incursións e a oportunidade de vender máis, fracasando nese primeiro boss rush para non sacar nada en limpo, porque semella que non hai unha recompensa asociada. Por tanto, dubido que sexa capaz de chegar ao terceiro pagamento do préstamo, o que, xa me destripei, implicaría un reinicio lixeiro no que se gardan algúns números pero no que se volve ao primeiro día do calendario. Non é un mal sistema, xa que converxe cara o final do xogo sen penalizar demasiado. Non obstante, non me está a convencer o necesario para xogar máis horas do mesmo xeito. Se cadra se procurase unha axuda para as ventas non sentiría tanto que estou a fracasar por non coñecer os algoritmos que hai detrás da clientela.