<<

Final Fantasy VI. Capítulo 4

Normalmente tendo a non lles facer moito caso ás misións secundarias. No Mundo de Ruínas hai un bo feixe delas que podemos obviar porque a torre de Kefka está presente e accesible dende que temos acceso á nave voadora. Non obstante, atopei moita satisfacción procurando aos amigos de Celes e conseguindo que se uniran ao seu grupo. Ademais, os alxubes, incluíndo o final, están lonxe de ser eses labirintos xigantes que si que aparecían nas primeiras entregas, polo que os avances eran máis áxiles. E, por se non fora pouco, os tesouros que en cada unha aparecían eran melloras significativas para estar mellor preparados para os encontros finais. Case non teño máis que boas palabras para todo este tramo.

Locke e Rachel

Quedárame coa dúbida de que había que facer no castelo de Doma, xa que alguén mencionara que se quedara durmido alí e o atacaron uns demos, pero o meu cuarteto titular non tiña nin pesadelos. Resultou que tiña que estar o samurai Cyan no grupo activo, pero penso que non hai nada que o diga tan claramente, polo que tirei dunha guía para saber que estaba a facer mal. Por motivos similares tamén me quedaron sen recrutar un par de personaxes máis secundarios, pero non sabía da súa existencia ata o epílogo, así que non tiven ocasión de botalos de menos. O ninja Shadow xa ficara esquecido no mundo antigo, polo que asaltei a torre de Kefka con once personaxes inda que o ideal serían doce.

Formar grupos

A idea é facer tres grupos de catro personaxes que solucionan en paralelo os perigos do alxube, mais eu trampeei un pouco ao empregar ao meu equipo titular para limpar os camiños iniciais, de maneira que a incursión definitiva resultase o máis áxil posible. Funcionou ben, de maneira que logo fixen os grupos definitivos o máis equilibrados posibles e conseguín achegarme aos dragóns opcionais e ás estatuas que procedían ao malo final. Como non me apetecía facer o mesmo truco de achegar o meu mellor equipo a todos eses encontros forzados, aceptei que tiña que empregar a todos nun último empurrón para derrocar a Kefka. Algunha loita tivo o seu aquel, pero a zona é xenerosa cos puntos de gardado polo que só foi cuestión de intentalo varias veces, nada que ver con ese Final Fantasy III no que podía pasar toda unha longa sesión de xogo para ter un intento de vencer a unha muller xigantesca.

Sabin enoxado

No xogo de hoxe, a loita final foi bastante doada. Basicamente tiven a Sabin en modo tolo atacando rapidamente, con Edgar, Celes e Locke asegurándose de que se mantivera vivo. Deste xeito foi abondo para aniquilar as fases previas sen moito problema, e ao Kefka definitivo nun par de quendas que case notei anticlimáticas, inda que satisfeito por non ter que repetir todo dende o comezo. Non tiven máis baixas que as que fun arranxando por medio de maxia e obxectos, así que non probei o sistema de substitución de soldados que daría maior protagonismo ao resto do grupo, algo que se agradece nunha historia tan coral. O epílogo centrouse en ver os compases inmediatamente posteriores á loita final, deixando entrever que comezaba unha nova etapa no mundo, máis anárquica e positiva. E unha sensación similar teño tras estas últimas sesións: gocei moito da liberdade de movemento, estiven ledo tras cada incursión polas recompensas obtidas e agora miro con ánimo á etapa de Final Fantasies na PlayStation orixinal.

Kefka deus