O xogo da oca. Regras
O xogo da oca é un clásico que tivo o seu teito de fama en España nos anos noventa grazas a un programa de televisión e ata unha miniserie con xente coma Anthony Quinn, Charlton Heston e Anabel Alonso, baseada nunha coñecida ruta xacobea e dunha calidade dubidosa. Supoño que moitísimas familias españolas cantaron o “de oca a oca”, e case todas estarán de acordo en que despois “tiro porque me toca”, pero igual aí remata o consenso. Como o xogo pasa dos cincocentos anos, existen moreas de regras, variantes e interpretacións das casas especiais. Velaquí algunhas que non coñecía:
- Cando caes nunha oca, avanzas tanto coma o valor do dado que te levou a ela.
- Se sacas un 9 na primeira tirada, en lugar de avanzar sitúaste nunha das casas nas que aparecen dados debuxados (a máis lonxana se o resultado foi un 5+4, a que está máis preto se foi un 6+3). Isto é preciso se aplicas a norma anterior, xa que crearía unha vitoria automática pola posición das ocas.
- Se caes nunha casa con outra peza, intercámbianse as posicións.
- Se caes no pozo ou no cárcere, quedas atrapado ata que alguén entre.
- O labirinto leva á casa 30.
- A oca da 59 leva á casa final, onde toca tirar outra vez e contar cara atrás.
A miña tarefa, imposta por min mesmo, foi conciliar as regras da miña infancia coas da miña familia estendida e as que aparecen pola rede, de xeito que sexan doadas de lembrar, aplicar e que non sexan unha ofensa ao deseño de xogos modernos (inda que xa sabemos que un xogo sen decisións quizais non sexa tal). Aquí está o resumo da versión actual:
- Os xogadores determinan a orde de xogo lanzando cadanseu dado.
- Xógase con un único dado por xogador.
- O xogo comeza na casa 1. Por tanto, un 4 na primeira tirada leva á oca da casa 5.
- As pontes da 6 e 12 leva dunha a outra e hai nova tirada.
- A posada da 19 fai perder unha tirada.
- Os dados da 26 e 53 levan duns a outros e hai nova tirada.
- O pozo da 31 fai perder dúas tiradas.
- O labirinto da 42 leva á casa 30.
- O cárcere do 52 fai perder dúas tiradas.
- A morte do 58 leva á casa 1.
- A oca da 59 outorga a vitoria, non importa que se chegue contando cara diante ou contando cara atrás.
- Hai que chegar á casa 63 cunha tirada exacta, se o número é máis grande, hai que retroceder o número de movementos restantes.
Por esixencias alleas, presenciei e xoguei moitas partidas da oca con estas regras. A única variante que se me ocorreu para dar algo de control aos xogadores pasa por permitir volver tirar unha vez cada tirada, tendo que ficar con ese segundo resultado. Dese xeito converteríase nun sistema de apurar a sorte e pode haber decisións divertidas, especialmente sobre se pasar ou non os dados da 23. Mais, ao mesmo tempo, parte da graza do xogo é que se xoga só, así que tampouco vou ser eu o que lle quite o mérito.

