<<

ToeJam & Earl in Panic on Funkotron

Tiña un amigo suízo, fillo de emigrantes galegos, que nos visitaba todos os veráns. El traía chocolates de moitas marcas variadas e, ás veces, algún xoguete ou trebello especial, coma unha cámara de fotos que engadía unha tartaruga ninja en cada negativo, pero o importante era que pasabamos ese tempo xuntos. Tendo en conta que me levaba un ano e que era moito máis atlético e activo ca min, adoitábamos facer plans fóra da casa. Supoñía que non tiña maior interese nos videoxogos, xa que non o amosara nunca, pero un día pilloume coa Mega Drive encendida e moi contento co que vía. Obviamente o xogo era ToeJam & Earl in Panic on Funkotron e xogamos a dobres en tres ocasións nesa semana, o cal rematou por me saturar. Asegureime de ter as consolas ben gardadas para a súa visita do ano seguinte, para non ter tentacións e volver aos xogos máis físicos.

Branco-negro

Sería tamén ese amigo o que me explicaría eses días que significaba exactamente o “Lil’ Kid Mode” que sempre activaba para ter vida infinita, porque non lle chegaba con ser forte e guapo, senón que tamén controlaba inglés, francés, alemán, castelán e sabía dicir “carallo pr’os monxes” en galego. Tratábase dun xeito bastante pouco estresante para xogar e permitía que non fora unha tarefa limitante a de incorporar un segundo xogador. Por aquel entón non entendía por que alguén querería escoller unha dificultade máis elevada para un xogo deste estilo, e o feito de que estivese limitado a cinco niveis tampouco era un problema porque as partidas resultaban longas abondo. Non teño lembranzas de empregar o sistema de contrasinais para continuar outro día, polo que, combinando todo, era probable que nunca vise máis aló dese quinto nivel.

Contrasinal

Para trocar iso, decidín darlle outro tento no modo normal. Non pagou moito a pena, a verdade. Todo era máis ou menos como recordaba, inda que evidentemente non sabía como acceder a moitas das zonas secretas que están especialmente ben agochadas. Tampouco é que fixeran moita falla porque acumulei recursos abondo como para ter funk, moedas e vidas suficientes, polo menos tal e como estaba a xogar. A cuestión é que tampouco o estaba a pasar moi ben: non me dediquei a explorar moito, os obrigados encontros cos terrícolas resultaban repetitivos e sentía cada nivel tan longo que non me apetecía completar os case vinte niveis da aventura completa. Chegoume con superar seis para mellorar a miña mellor marca e confirmar que non me estaba a perder nada.

Foguete á Terra

Só quero rematar cunha mención especial ao final do quinto nivel. Logo de media hora intentando alcanzar unha plataforma que semellaba estar medio píxel por riba do salto máximo, e para a que non atopaba unha ruta alternativa, procurei un vídeo no que a xogadora tardaba menos en decatarse de que manter premido o botón de agacharse antes de brincar incrementa a altura alcanzada. Non hai unha indicación, coma no Super Mario Bros. 2, pero supoño que sería unha desas cousas que si que probaría con máis paciencia nos anos 90 (inda que probablemente saíse no manual físico que tamén tiña) pero que, desta vez, non se me pasara pola cabeza agardar o tempo preciso para ese incremento.

Neve