<<

Puzzle Chambers

Este Puzzle Chambers colle unha idea de crebacabezas inicialmente sinxela e consigue estendela durante case setenta desafíos engadindo pequenos trocos nas regras. Iso poder ser lido como negativo ou positivo, dependendo do entusiasmo da persoa xogadora a buscar solucións nese reducido espazo, pero no meu caso foi case un punto neutral: eu só quería pasar as diferentes cámaras para ver progresar a historia. Isto é algo extraordinario en min, pero confiaba en que toda a trama sería explicada de maneira satisfactoria. Con referencias directas a Cube e Lost, tiña moita curiosidade por saber con que sairían aquí.

Secuestro

Como detalle ben contado, tamén integraron o movemento das pezas, que facemos libremente co cursor ou pantalla táctil, como parte da habilidade de telecinesia que posúen todas as personaxes nestas cámaras. E apañáronse para que tivese sentido dentro da trama! A verdade é que sentía certa confianza cando visitei os logros antes de comezar (unha fea teima que teño), xa que xuraban que un dos xiros argumentais tiña todo o senso do mundo se prestases atención anteriormente. E abofé que así foi. Con todo, a gran revelación da razón de ser dos crebacabezas e por que había tantas cousas estrañas dentro delas non vai gañar ningún concurso de relatos, pero cumpriu coas expectativas e alégrome de empurrar a través dalgúns crebacabezas para avanzar nela. Tamén é certo que busquei as solucións nos dous últimos: no penúltimo xa probara todo agás poñer a peza que correspondía nun recuncho, e no derradeiro perdín as ganas de seguir co xogo e quería ver o final despois de seis horas de darlle á cabeza.

Penúltimo

Mais agora síntome coma unha fraude. Non por atallar nesas dúas solucións, senón por empregar axudas alleas ao xogo. Na parte superior esquerda existe un botón que dá pistas para cada crebacabezas, e que se pode premer libremente. O gran problema é que, como sabía da existencia de dous logros de rematar o xogo sen usar esas dúas axudas, buscar as solucións nunha guía externa serviume como salvoconduto para obter todos os logros sen merecelo. Non tería moito problema se o máximo logro fora rematar o xogo, xa que iso xa o fixen, mellor ou peor, pero que estea aí persistido por sempre que o fixen sen axudas xa me parece un calote nas miñas certificacións de xogón.

Preto

Polo resto, ben. Agás no derradeiro, atopei o nivel de desafío axeitado, con algúns picos bastante elevados que, a miúdo, eran intercalados por outros bastante máis doados que amosaban os pequenos trocos nas mecánicas. Sen dúbida, non aturaría tanto se non tivese as personaxes falando e intentando descubrir o sentido do seu secuestro, polo que todo o meu respecto aos deseñadores do conxunto.

Fin