<<

Nightwish - Century Child

Escoitar este disco foi como atopar un álbum de fotos familiar do que non sabía nada: coñezo a xente, coñezo os lugares, algunha foto xa a vin noutro lado pero hai moita novidade que descoñecía. Pero quizais esa falta de familiaridade pasa factura, porque non logrei conectar coas cancións. Algunhas que si que coñecía como Bless the Child non teñen moita garra, ou a versión de The Phantom of the Opera non ten esa forza final da de Lloyd Webber. Houbo sorpresas como Slaying the Dreamer que non me soaba e na que sae Hietala berrando (unha debilidade miña), pero a verdade é que se me desinflou bastante. Mentres Tarja intenta outras cousas coa voz pero non saen especialmente ben, Tuomas deixa o erotismo das composicións para afondar nas historias do Dead Boy. O conxunto semella un avance do Once, que me gustara moito no seu día pero que moitos criticaron pola caída no comercionalismo; a ver que opino eu despois de tantos anos.