Snake Eyes Dungeon
Lembreime moito de xogos físicos de dados xogando a este Snake Eyes Dungeon dixital. En particular, lembreime moito dos xogos físicos que, tras unha morea de tiradas de dados, agochan grandes carencias nas súas mecánicas, coma o 4 Dice Against Evil. Inda que é puramente dixital, aquí non hai nada que non se poida calcular a man coa axuda de dous dados e a morea de táboas que son totalmente públicas, polo menos se non hai problema en facer unha centena de lanzamentos cunhas poucas eleccións interesantes entre unhas e outras.
Unha das cousas que non me convence, e xa vin en xogos similares, é que a exploración de alxubes baséase en que cada sala é determinada totalmente ao chou unha vez que decides entrar, facendo que a elección de cara onde tirar sexa practicamente inconsecuente. Nas pelexas toca escoller entre loitar unha quenda máis (primeiro atacar e logo ser atacado), intentar fuxir (as posibilidades son diferentes contra cada monstro, o cal é un pouco agradecido) ou empregar unha poción (de curación) ou unha bomba (para resolver inmediatamente o combate). Precisamente a estratexia que me deu máis vitorias foi andar sempre cunha bomba no peto, para solucionar as pelexas máis complicadas sen perder vida, especialmente contra a vampiresa, e cruzar os dedos para obter cartos abondo para mercar a seguinte.
Ao comezo era máis complicado, pero tras completar cada meta-misión, ou gañar unha partida con éxito, obtemos cartos para mellorar todas as nosas futuras posibilidades. Como as táboas de encontros non cambian, isto provoca que, necesariamente os seguintes paseos polo alxube sexan máis doados. Tamén é certo que as meta-misións vólvense máis complicadas, non tanto porque esixan grandes fazañas senón porque teñen números esaxeradamente altos ou son totalmente ao chou. Unha mostra disto último foi a de atopar seis habitacións baleiras, o cal sucede cando os dados suman nove: facendo as contas de que hai un total de trinta e tres habitacións nunha partida completa sen perder, sae unha posibilidade de éxito do 8.67%, sen que poidamos facer nada para incrementalo. Certo é que as partidas son curtas, pero tamén repetitivas e pouco interesantes, así que inda que contaba con completar todos os créditos, tras tres horas decidín non lle adicar máis tempo a este limitado deseño.


