<<

Nightwish - Once

Sen dúbida este é o traballo de Nightwish que mellor pode encaixar nun público xeneralista; non deixo de recordar que vin o vídeo de Nemo máis veces nos buses urbanos ca na miña casa. Naquela época entroume moi ben e, pode que por iso mesmo, diría que segue a ser o meu favorito dos que escoitei ata agora da banda. Os catro primeiros cortes dan caña de principio a fin, con máis protagonismo de Marko, muros de sons que envolven ao ouvinte e a voz de ópera de Tarja gardada para os momentos nos que máis importa. Non negarei que é un estilo moi da súa época, pero claro, tamén é a miña época. Despois da curiosa-pero-sospeitosa canción co curioso-pero-sospeitoso nativo americano vén o típico bloque que adoita ser feble pero que, quizais por familiaridade, quizais polos berros de Marko, gozo igualmente. A épica Ghost Love Score pétao tan forte coma sempre, a balada en finés é un agasallo para os que nos interesa esa lingua e a última é máis esquecible pero non desfigura o conxunto. É tamén o fin da miña era co grupo, máis que nada porque o resto inda non os escoitei.