<<

Master System. Memorias dun neno xogón

Na casa tiñamos un “ordenador” do meu curmán. Non sei ben cal foi o motivo de tal adquisición, entre outras cousas porque coido que estaba aí antes de que eu tivera consciencia do mundo, pero basicamente funcionaba coma unha consola de videoxogos. Sempre pensei que era un Spectrum, pero logo de atopar a pantalla de arranque do Commodore 64, agora teño claro que era un deses. O caso é que, cando eu tiña uns cinco anos, acabouse o ordenador. Non teño moi claro o motivo, pero deuse por morto e, case ao mesmo tempo, entrou na casa unha Master System II que se convertería oficialmente na miña primeira consola.

Tanto o ordenador coma a consola viñan do comercio no que traballa a miña madriña, un negocio local de venta de electrodomésticos cunha pequena sección adicada ás consolas. Supoño que a estas alturas xa estará máis que prescrito, pero a miña madriña ía collendo varios dos cartuchos que pasaban pola tenda e traíaos a casa para que os probásemos. Pola outra banda, recibín bastantes como agasallos permanentes, e algúns tamén os aluguei xa nos tempos da Mega Drive. Deste xeito, comezou a miña carreira de xogón estando exposto a unha morea de xogos diferentes, así que decidín enumerar dos que me lembraba ben de xogar entón, sabendo que hai moitos outros que podo confundir coas versións do mesmo nome da 16 bits de Sega e que decidín non incluír.

  • After Burner: un clásico de avións que nunca me convenceu, moito menos naquela versión do centro comercial na que se movía toda a cabina pero que custaba máis cartos que pasar toda a tarde xogando ao Shadow over Mystara.
  • Alex Kidd in Miracle World: incluído na consola.
  • Astérix: un xogo do que non me lembraba e polo que, precisamente, comecei esta listaxe.
  • Asterix and the Secret Mission: o nivel circular no que hai que bloquear ao corredor é unha imaxe que nunca esquecín.
  • Aztec Adventure: un dos que tiña en propiedade e non me gustaba nada, xa que era bastante complicado, de movementos ortopédicos e algo opresivo.
  • Black Belt: pertence a ese xénero dun único plano de apartar os inimigos a hostias; nunca simpaticei moito.
  • California Games: xogazo por aquel entón, cun teito de habilidade moi alto e a posibilidade de xogar a dobres no xogo da pelotiña.
  • Desert Speedtrap Starring Road Runner and Wile E. Coyote: os xogos de franquías atraíanme moito por aquel entón, normalmente imaxinaba como podería ser iso de encarnar ás miñas personaxes favoritas, inda que logo resultase nun plataformas normal como este.
  • Dick Tracy: pouco debín xogar, xa que lembraba o xusto, pero tiña o meu curmán un póster da película así que o protagonista sempre estivo moi presente nesa habitación.
  • Enduro Racer: moi sinxelo, supereino hai un par de anos á primeira.
  • Gauntlet: dos que máis horas botamos a dobres cando estivo por casa, ata que nos pasamos ao Gauntlet IV.
  • Impossible Mission: moi complicado por moito que o intentara de cando en vez xa de adulto, inda que teño o recordo de rematar o crebacabezas algunha vez de cativo.
  • Masters of Combat: o máis semellante ao Street Fighter II que tiñamos na casa, inda que con moitas diferenzas.
  • Michael Jackson’s Moonwalker: esta é a versión máis sinxela na que non se converte en robot.
  • Pac-Mania: nesta versión tridimensional é unha das miñas espiñas, xa que sempre pensei que coa habilidade de saltar é complicado perder, pero os meus intentos de gañar sempre foron infrutuosos.
  • Paperboy: gustábame e fun descifrando as mecánicas a base de xogar, pero unha vez organizamos a miña festa de aniversario na casa e nunca máis apareceu; moi sospeitoso.
  • Pit-Fighter: un caótico xogo de loita que penso que, sen ser dos meus favoritos absolutos, foi dos que máis xoguei na consola.
  • Pro Wrestling: como seareiros de Pressing Catch, este foi dos xogos que inspiraban a nosa imaxinación antes de que chegasen os oficiais.
  • Rampart: xogado principalmente na casa duns amigos dos meus pais, foi un xogo que, xa de cativo, parecíame marabillosamente ben deseñado por saber combinar tan ben esa mestura de xéneros.
  • Scramble Spirits: xogo básico de avións no que memorizara ben os primeiros padróns e, xa entonces, enfadábame se perdía unha vida moi cedo e quitaba a partida.
  • Sonic the Hedgehog: o meu primeiro Sonic, do cal inda gardo recordos mentres intento, de cando en vez, superalo na Steam Deck.
  • Speedball 2: Brutal Deluxe: o mellor xogo de deportes da consola, e iso que nunca investimos moito tempo no modo de liga nin era moito desafío gañar os partidos; moito mellor un contra outro.
  • Spider-Man vs. The Kingpin: o primeiro xefe leva unha carretilla con motor e sempre dicíamos que era o noso avó no traballo; igual non lle queríamos zoupar e por iso rara vez pasabamos ese nivel.
  • Streets of Rage: unha versión inferior á recoñecida da Mega Drive pero que tamén gozamos no seu día.
  • Tom and Jerry: The Movie: gustoume moito cando aprendemos que certo nivel era máis doado correndo pola parte superior mentres o meu curmán berraba “correndo coma un tolo!”
  • TransBot: un de naves que era moi inspirador na miña cabeza pero que, unha vez atopado de adulto, non era para tanto.
  • Vigilante: o que lle poñía nome na miña casa ao xénero de golpear inimigos á esquerda e á dereita ata que saíran voando.
  • World Grand Prix: salvado por esa funcionalidade de compoñer circuítos personalizados, como comentei no I Wanna Maker.