Panzer Dragoon Saga. Capítulo 1
Merquei este xogo de segunda man por unhas 5000 pesetas. Foi unha aposta a cegas porque non sabía nada del máis aló de que compartía nome coa demo do Panzer Dragoon II Zwei que coñecía de memoria. Alí na tenda non podía pescudar moito máis, xa que os típicos resumos da parte de atrás da caixa foron substituídos por uns preciosos debuxos, pero decidín confiar neses catro cedés, sabendo que ía ser algo moi especial. Cuestións como que sistemas de xogo implementaría pronto serían desvelados, mais outras como quen diantres é a rapaza de longo pelo escuro terán que agardar a que o volva xogar. Nunca xoguei moito, coido que en parte porque a partida gardada ocupaba todo o espazo dispoñible na consola, e inda que lembro o comezo, algunha parte de desertos e certa pelexa contra unha nave xigante, non teño idea de por onde vai ir a historia. Se cadra nunha parte hai que ir en plan submarino e é aí o meu recordo récord.
O primeiro que atopei ao arrancar outra vez o xogo foi unha sucesión de cinemáticas durante quince minutos. Logo puiden voar durante outros cinco, ler varias páxinas dixitais de ambientación, facer un titorial opcional dunhas oito fases e entón, e só entón, estrear o sistema de loita contra os monstros inimigos. Certo é que, a esas alturas, xa presenciara unha morea de sucesos importantes, dende a morte do capitán do protagonista, que era case coma un pai, ata a devastación da capital do malvado imperio a mans duns golpistas tamén malos. En realidade, non se se hai alguén bo en toda a historia. Edge, o protagonista, ten entre as súas pernas unha arma de lendas en forma de dragón, mais penso que o seu obxectivo non é outro ca vinganza e non sei como pensa levala a cabo. Fixen as paces con ese móbil no Final Fantasy VI, pero tampouco confío unha barbaridade nesta saga polo de agora. Vou con cautela.
Foron menos de dúas e media as que tardei en rematar o primeiro disco, supoño que o reparto en catro cedés débese á presenza de todos os vídeos que tamén teñen voces en xaponés, pero tamén quero crer que nas seguintes partes haberá máis xogo. O sistema de loitas é único, funciona ben pero, polo de agora, tenden a ser doados, xa sexan xefes ou encontros normais. Non empreguei ningún consumible para sobrevivir ou aniquilar mellor, e agora que podo escoller os tipos do dragón inda é máis explotable. Polo de agora optei por espírito e axilidade: este último axuda a encher máis rápido as barras de acción e o outro fai que as habilidades especiais custen menos e ademais rexenera os puntos de berserk precisos para elas cando as barras de accións están ao máximo. Deste xeito, dado que existen habilidades de curación, só teño que atopar un lugar seguro no que reciba menos dano do que podo recuperar e así saír de cada loita cun balance positivo. A cambio, o ataque e a defensa do dragón están baixo mínimos. Pódese cambiar cando sexa, pero supoño que quedarei con esa configuración extrema de entre as 40.000 posibles e, por sorte, a forma e cores do dragón nese estado están bastante ben; está moi chulo iso de que o dragón troque a medida que cambiamos os seus atributos.
Fico con ganas de comezar co segundo disco, agora que xa atopamos á misteriosa rapaza. Lembraba máis ou menos ben todas as partes polas que pasei, pero tampouco foron moitas. Supoño que a medida que me afaste do comezo será todo máis difuso, porque evidentemente só avancei o equivalente a unha tarde de xogo, que repetín varias veces. Continuarei para ver se o xogo merece a certa sona que ten, ou se é todo un produto de que existan poucas copias e se coticen nos varios centos de euros.



