Panzer Dragoon Saga. Capítulo 2
Este segundo disco presenta, como zona explorable, un pequeno distrito dunha vila que tampouco será moi grande. Cunhas dez casas e un bar, apáñase para ser, ao mesmo tempo, un reducido curruncho do mundo e un labirinto case imposible de comprender. Non axudan os gráficos, nin que o primeiro paseo fora de noite, nin que saíra o mesmo ano có Ocarina of Time, coas súas aldeas máis visibles e mellor estruturadas. Dáme preguiza, en todos os xogos, o de chegar a novos escenarios cheos de personaxes cos que falar, pero se xa teño que desentrañar os diferentes polígonos a escuras para saber se é un muro limítrofe o algo que agocha outra pequena zona oculta da que se pode saír por un lugar diferente do que se entra e ademais, polo camiño, hai unhas escaleiras que non serven para nada, só soben, e logo baixan, nunha cova, non sei, supoño que por se algún día queren poñer luces no teito, porque ver non se ve moito cando é de noite, ou un sinal con direccións tamén estaría ben, inda que, por sorte, si que hay un guía que indica, vagamente, as localizacións de diferentes puntos de interese, os que el considera como interese, claro. Eu só quero voar co meu dragón, o que desexe pedir algo, que se achegue.
Porque, se ven a parte de movemento coa besta máxica non é todo o fluída que debería (os choques contra decorados son habituais) polo menos temos mellor visión e axuda dun radar. Inda así, ese radar non me serviu para atopar unha terceira chave para entrar no alxube final do disco. Vaguei pola zona onde se atopaba, que era o lugar lóxico para ela, explorando todo pero non conseguín nin ver a icona no radar. Tamén voei polas outras áreas previas sen, obviamente, obter nada máis que algúns puntos de experiencia. Botei unha man de internet para saber a localización e así puiden seguir a aventura, sospeitando que a miña anterior partida, haberá unha década e media, rematou non moi lonxe deste punto. Unha vez obtida a chave é momento de loitar, outra vez, contra a misteriosa rapaza Azel e o seu dragón. A loita é tan doada como a última: inda que o seu becho é moito máis grande, non ten nada que facer contra a pistoliña de Edge.
Na seguinte área perdemos o dragón para ir cunha nave planadora polo alxube máis grande visto ata o de agora. Polo camiño hai varias loitas, pero a meirande parte resólvense de maneira rápida e doada sen sufrir apenas danos. Só tiven problemas con unhas flores que eran inmunes á pistola pero que retornaban o dano do láser de maneira significativa. Non aprendín a solución ata que a agora compañeira Azel díxomo na loita contra o seguinte xefe: había que dispararlles coa pistola para mantelas apampadas e que non contraataquen. Entre unhas cousas e outras tiven que empregar, por primeira vez, obxectos de curación que gardaba a moreas, pero din conta dos encargos e arrancaron unha nova colección de películas para dar fin ao segundo disco. Algunhas das escenas non estaban nada ben ligadas co acontecido anteriormente, como aquela que comeza de súpeto cunha persecución que non agardaba en absoluto, pero son un pouco a marca da casa neste xogo. O diálogo final deixa entrever que igual Edge e Azel non son tan diferentes, e tendo en conta que non lle coñecemos familia biolóxica ao primeiro xa me podo facer unha idea de cara onde van os tiros.
Foron tan só seis horas de xogo as que me levaron estes dous discos, e inda que atope cousiñas que non me presten está a ser unha experiencia bastante memorable. Coido que non será o xogo xaponés de rol definitivo, pero estou ben ledo de darlle unha nova oportunidade e, hoxe en día, aprecio que estea todo máis contido e non leve ducias e ducias de horas. Veremos se na segunda metade continúo cos mesmos pensamentos ou se hai sorpresa e ascende postos na miña listaxe de favoritos.



