<<

Within Temptation - Mother Earth

Descubrín cancións deste álbum uns poucos anos despois de que fora publicado e, inda que soa a ese ano 2000, convencinme a min mesmo (sen case ningún esforzo) que se trataba dunhas xoias que viaxaron no tempo case dende a época hippy, non sei se pola temática, pola permanente da protagonista da portada ou pola voz de fada de Sharon den Adel. O caso é que memoricei tan ben esas Mother Earth e Ice Queen (incluíndo un deses característicos sons producidos por un mp3 mal feito) que xa me gustaba o conxunto antes de escoitalo. Logo resultou que o resto de cortes tamén eran do meu agrado, como a balada Our Farewell ou Deceiver of Fools. Hoxe en día seguen a ser eses primeiros cortes os que máis activan as zonas de pracer do meu cerebro, e sigo considerando a voz da cantante como a dunha fada das lendas.