Batography
Batography é un xogo de media hora no que manexamos a un morcego que quere sacar unha foto da lúa. Para iso, terá que atopar unha posición axeitada, algo para o que precisará a axuda dos seus veciños. Equipado coa súa cámara de fotos, será ese instrumento o que empregará para comunicarse na vila e tamén, para facer algúns favores opcionais.
O camiño ata a vitoria pasa por tres puntos:
- Pedir ao limpador que recolla o lixo da dereita.
- Pedir á electricista que arranxe as liñas de alta tensión (isto realmente é opcional, pero quizais por accidente, e resúltame conveniente para a miña narrativa que fora obrigatorio).
- Pedir ao garda que abra a porta.
Non obstante, hai outras tarefas opcionais para apañar todos os coleccionables:
- Inmortalizar a voda duns lagartos.
- Amosarlle o bosque ao xardineiro.
Deste xeito, a misión orixinal do morcego pódese completar obtendo os favores da vila, mentres que será el o que axude a outros para poder papar eses bolos lunares secundarios.
O xogo non ten presión ningunha, nin de habilidade nin de tempo. Só se precisa comprender ben as peticións de cada animaliño (en inglés) e sacar a fotografía correspondente. As únicas excepcións aparecen nos logros: un esixe sacar a foto á lúa en menos de oitenta segundos, unha marxe máis que ampla para xogadores experimentados que teñan claros os pasos precisos, e o outro consiste en atopar os dez pasteliños chineses. Non tiven problemas en apañar nove, pero o que me faltaba estaba dentro dunha casa e non é visible. Ademais, para entrar dentro, é preciso pasar polo tellado, o cal tampouco semella inicialmente posible. O truco, que tiven que ler por aí, consiste en rebotar varias veces nunha corrente de aire para subir lixeiramente máis alto (inapreciable, diría eu) e así ter altura abondo para chegar ao tellado. Coido que non o atoparía sen axuda. Mais, se cadra, iso tamén é parte da mensaxe deste xogo.



