<<

Heroclix. Subxogo a partir dos 4 anos

Intentei criar o meu fillo na maior das purezas posibles. Isto implicaba, segundo eu mesmo, en aforrarlle o contacto con calquera cousa que non fora axeitada para a súa idade ou non encaixase coas ideas familiares. Dese xeito, por exemplo, foi vestido con todas as cores, nunca lle mercamos roupa ou xoguetadas de licenzas multimillonarias e ata cambiei os textos de libros coma El pez arco iris para contar mellores historias sen violencia e con boas sentenzas. Por tanto, non é complicado comprender que chegou aos catro anos sen case saber nada de superheroes e só sabendo recoñecer a Spiderman, máis que nada porque está omnipresente nas roupas das súas amizades.

Non obstante, de cando en vez, sacabamos as miñas figuriñas de Heroclix de paseo polos seus taboleiros, máis como xoguete que como xogo, mentres intentamos pescudar de que ía disfrazado cada un: os que teñen temáticas animais eran doados, pero outros como Robin son tan xenéricos que non sabía que contar. Mais chegou o día de aproveitar os números e os dados das figuras para achegarnos ao regulamento oficial. E para iso pensei as seguintes mecánicas:

  1. Cada un dos dous xogadores escolle unha figura e a coloca no seu lado do taboleiro.
  2. Por quendas, cada un move a súa figura o número de casas que marque a súa velocidade.
  3. Cando as figuras fican adxacentes, cada un tira dous dados e suma a velocidade para ver quen comeza atacando.
  4. Por quendas, realízanse ataques básicos coas regras oficiais ata que alguén gañe (sen habilidades).

Diagrama dial

As regras estaban claras, pero non querendo eu integrar violencia, evitei mencionar que intercambiaban golpes e o obxectivo trocou a baixar os “puntos” do rival. Todo moi abstracto. Algo que quizais non me importe a min, como adulto máis preocupado polos regulamentos que polas ficcións que representan, pero que sen dúbida resultará seco a un neno de catro anos. Podería narrar cada rolada con paixón, explicando como Cara de Barro III converte o seu puño nunha maza coa que bate no ombreiro de Blight, que diminuído das súas capacidades non consegue contraatacar con éxito antes de ver a outra man de Cara de Barro III ir directa cara a súa máscara, arrancando pouco despois ata parte da faciana do radioactivo. De seguro que obtería maior atención do cativo, inda baixando un pouco o nivel de agresividade, pero inda que recoñezo que seguramente non terá maiores efectos negativos sobre a súa educación, non me sinto cómodo con iso polo de agora.

A modo de curiosidade, deixo aquí os gañadores dos cinco encontros que xogamos: