Asterix & Obelix: Slap Them All! 2
Eu nunca fun de cómic europeo, a non ser que levase a etiqueta de “Super Humor” e/ou saíse Mortadelo. O outro día trouxen a casa unhas obras desa Escola Bruguera da miña nenez, que inda teñen miolos e chocolate de merendar enriba deles hai trinta anos, e decidín comezar por un Mortadelo que nin era dos meus clásicos nin dos meus favoritos: “¡Bye bye, Hong Kong!” Segue un pouco menos do habitual as clásicas fórmulas do autor, incluíndo diferentes subtramas en torno á transferencia de soberanía da illa asiática do Reino Unido a China. Pensaba que non me lembraría de moito, pero moitas das brincadeiras atoparon conexións no meu cerebro que non sabía que existían. Por exemplo, aquel home que tolea e comeza a botar gasolina para os coches voadores, ou Mortadelo disfrazándose de muller, poñendo o intermitente cara a esquerda e virando cara ese lado, facendo que os perseguidores batan cara o muro da dereita “porque todos saben que cando unha muller pon o intermitente cara un lado é que vai xirar cara o outro”. Uf! Iso é moito para 1997, inda para vir da cabeza de Ibáñez.
Como xa dixen, descoñezo máis os traballos secuenciais de máis aló dos Pirineos. Tiña un de Tintín nun submarino con forma de tiburón, que nunca me prestou, un do pequeno Spirou, que sempre me pareceu moi sucio, e me deixaran un de Astérix nalgún intre, pero pouco durou na casa e non lembro moito del. Supoño que non habería moitas mulleres facendo cousas importantes e que quizais amosarían de xeito racista a aqueles que non foran do Mediterráneo Norte. O mesmiño que nesta segunda parte do Slap Them All!, onde teremos que golpear romanos, viquingos, chineses e ata leóns (machos). Todo cunha estética moi bonita, moi comiqueira, que queda preciosa en capturas de pantalla pero que ás veces resulta confusa no medio das hostias, especialmente se manexamos a Astérix, por ser máis pequeno. Por iso mesmo, tendín cara Obélix e os seus poderosos golpes, inda que coido que na práctica pouca diferencia hai entre os dous protagonistas máis aló do tamaño da súa imaxe.
Trátase, entón, dun limpabarriadas bastante tradicional, sen melloras, novos movementos para desbloquear nin novidades que non puidesen existir na versión de recreativas de 1992 do Astérix de Konami. Diría que, precisamente, síntese fresco por ese tradicionalismo. Non hai grandes razóns para volver a niveis pasados, máis aló de probar unha dificultade diferente, apañar algúns logros ou, seica inda é unha opción hoxe en día, por xogar outra vez. A aventura completa non supera as dúas horas por moito e non nos podemos confiar con que sexa un paseo. Se ben os niveis son curtos e repetibles ata a vitoria, algúns inimigos, especialmente os que lanzan dagas ou aqueles que atacan brincando, poden baixar as nosas barras de vida bastante rápido, ante todo en situacións caóticas con moitos inimigos por metro cadrado. Por sorte, todos os ataques causan efectos nunha área bastante xenerosa, e é posible lanzar a uns contra outros para que o único personaxe en pé sexa un galo. A meirande parte de rivais pódense levantar pola forza cunha nova combinación de ataques, coma se fora un xogo de Pressing Catch, de maneira que é relativamente doado rematar con eles unha vez deitados. Isto tamén sucede con moitos dos xefes finais de fase, diría que todos os que son golpeables, porque hai algúns invulnerables ata que rematemos cos seus secuaces, algo que non é nada obvio no primeiro encontro.
A historia non está escrita por René Depardieu por cuestións obvias (entre as que destaca as miña invención do apelido), pero seica vai no estilo das historias tradicionais. En ningún momento sentín que a trama tivese maior interese para min, e ata prefiro a máis sinxela do Astérix da Master System na que simplemente percorreron todos os camiños ata Roma porque estaban perdidos. Neste caso iremos buscando unha estatua de aguia para liberar a un compañeiro inxustamente encarcerado, pero as personaxes que xiran en torno a ela non son máis interesantes que os que atopamos de casualidade no camiño. Ademais, non poderemos atizar ao culpable xa que non é interactivo, e nin sequera hai un xefe final para dar conclusión á aventura, sendo o derradeiro nivel unha longa sucesión de pelexas como as que xa estabamos acostumados. Coido que precisaba ese extra de violencia non necesaria nese punto, ou polo menos algunha brincadeira máis. Así non me farei moi seareiro dos cómics orixinais, inda que debo recoñecer que bin bastantes momentos mortadelescos que me fan crer que ambas escolas non estaban tan separadas.



