Warhammer 40.000: Imperium. Fascículo 1
Merquei os tres primeiros fascículos desta colección de Salvat e dinme de baixa da colección inmediatamente despois. Supoño que foron sete euros ben investidos inda que tardase varios anos en montar as dúas primeiras figuras, xa que incluían oito bonequiños, un pincel, dúas pinturas e algo de material sobre unha afección que nunca tiven nin penso ter. Pero acompañado do meu cativo de catro anos (o mesmo que non me convencía que xogara ao Heroclix unha semana antes porque era moi violento), montamos o primeiro par de figuras e xogamos a partida introdutoria.
A ensamblaxe non foi mal de todo para o mal que se me dan as manualidades. Só tiña unhas tenaces sen estrear que estaban a agardar por este intre e o fascículo que comenta o básico de como montar co novo sistema doado que non precisa pegamento. Precisamente cortei un anaco de unión que non debería no necrón, e botei en falta algo máis sutil para limar as conexións coa matriz e que non me quedaran artefactos no bonequiño, pero ao final era recoñecible e aguantaba que se movera dun lado ao outro da mesa, así que misión cumprida. O marine tiña máis pezas pero resultou máis doado, quizais pola experiencia.
Para a partida explícanse un subconxunto mínimo de regras do Warhammer 40000 e propoñen un escenario no que o necrón ten que activar uns artefactos mentres que o marine quere aniquilalo. Na práctica, se debullei ben as regras e a partida óptima, isto tradúcese en que o necrón ten un 1/3 de posibilidades de éxito automático na súa segunda e cuarta quenda, mentres que o marine ten mellor HP (habilidade de proxectís) e máis puntos de vida. A miña intuición di que o necrón ten máis posibilidades de vencer, pero non o comprobei empiricamente.
A nosa partida seguiu os movementos que consideraba lóxicos (basicamente o marine bloquea un dos artefactos e o esquelete vai onde pode) e, inda que non houbo marxe de táctica, nin narración da violencia do campo de batalla, foi curiosamente emocionante. O sistema de tiradas de salvación é pesado para este escenario tan pequeno, pero tamén é certo que aportaba unha ilusión engadida de que a partida estaba aberta. Finalmente gañou o marine espacial, pero estivo preto de morrer cos disparos do seu inimigo.
Fiquei con ganas de continuar co resto de fascículos, pero confirmo que o xogo completo con ducias e ducias de figuras carísimas sobre a mesa non é para min. Se cadra podo aproveitalas para outros regulamentos máis centrados en pequenas escaramuzas.
