<<

I Wanna Maker. Capítulo 2

Mantiven instalado este derivado do I Wanna Be the Guy na Steam Deck para xogar de cando en vez. O meu plan era arrancar o modo de exploración, no que saen os últimos niveis subidos pola comunidade, é tentar brevemente de adiviñar se tiña algunha posibilidade de completar o que me viña ofertado. O meu algoritmo interno tiña en conta cousas como o mellor tempo rexistrado, o título, o tamaño do ficheiro, a densidade de pinchos ou o meu número de mortes antes de superar o primeiro brinco (non era raro que pasara de dez e non tivese pinta de que foran a ser máis doadas as seguintes partes). Grazas ao cómodo botón de “skip” podía obter un novo desafío en cuestións de segundos antes de atopar outra imposibilidade que me faría abandonar antes de chegar sequera ao primeiro punto de control.

Gatiños

En realidade non era tan dramático porque, ás veces, atopaba algún que se solucionaba só, outro que era tan directo que non tiña graza ou, se tiña moita sorte, un entretido que me fixera exercitar a cabeza, os dedos e a paciencia. Era unha mestura continua de sensacións que se alimentaba, en parte, de ver aumentar o número de niveis completados. Nalgún momento tamén intentei acadar algún record mundial, que sería arrebatado sen dúbida antes de que abrise o xogo ao día seguinte. Pero non o facía pola marca en si mesma, senón porque era divertido e a estatística dicía que o seguinte nivel sería outro deses imposibles que non gozaría en absoluto.

FlipFlap

Non podo falar moito das xemas atopadas, máis aló de vagas lembranzas, porque moitas foron hai tanto tempo e sendo tan incoherentes entre elas que non é posible atopar un fío conductor, agás cando topaba varias consecutivas do mesmo autor. Pero ao final, pouco a pouco, cheguei ata os douscentos niveis superados, obtendo un logro bastante elite que non aparece no meu perfil de Steam por seren dun xogo que ten esas características limitadas. Mais non me quedei aí, aproveitei a inercia para superar algúns máis e colocarme dentro das duascentas persoas de todo o mundo que máis niveis superaron neste modo. Non é tanta fachenda, porque foi cuestión de horas e horas e calquera pode acadar o mesmo cun mínimo de inversión.