<<

Panzer Dragoon Saga. Capítulos 3-4

No segundo capítulo falei mal da enxeñería civil da vila de Zoah, pero non desexaba que fora aniquilada dese xeito polo Imperio, non deixando absolutamente nada en pé, converténdose no Hiroshima deste universo. Debería sentir unha profunda tristeza, pero non me conmoveu nada. E, por desgraza, iso foi algo habitual no transcorrer da aventura. Sentín a Edge moi alleo a min, como que el tiña sentimentos moi fortes que marcaban os xiros da historia, pero nos que eu nin opinaba nin participaba. Se agora quería ir de vinganza, pois ata alí o manexaba eu. Que quería ir tras Azel, ao lugar onde eu nin imaxinaba que estaba (decateime unicamente porque apareceu a icona no mapa), pois alá tocaba ir. Recoñezo que si que lle collín certo cariño á rapaza, inda que menos do que agardaba inicialmente. Na penúltima escena descúbrese que son eu, o Xogón, ese visitante divino do que tanto se falaba, e que só controlei a Edge, o meu avatar, e a Vollol, o seu dragón, como parte do plan máis grande. Sen dúbida a apelación polo seu nome á persoa que ten o mando na man é algo que sempre sorprende, e non sei como de innovador sería no seu día, pero perde un pouco a maxia ao seren contraposto ao feito de que só pasei polos fitos porque así estaban programados no videoxogo.

Lonxe

Un pouco do mesmo xeito, manexar o dragón polos amplos escenarios non é tan espectacular como podería ser hai trinta anos. E o deseño quere que goces deses paseos, porque hai varias zonas nas que navegaremos libremente sen risco de atopar inimigos durante ducias e ducias de quilómetros, algo que non é terrible nos espazos abertos pero que perde bastante atractivo en lugares coma a parte baixa do bosque de Zoah, que non deixa de ser unha serie de pequenos túneles que hai que percorrer case na súa totalidade. Algunhas zonas agochan secretos que apenas atopei, máis aló de atopar un túnel do bosque de Zoah ata o deserto dos vermes xigantes, cuxa utilidade non comprendín, ou axudar a unhas aves cos seus filliños para obter un obxecto que non sei onde empregar. O resumo final xa mo deixou ben claro: hai moitas cousas que non vin. Incítase, desta maneira, a repetir toda a partida e compensar as catorce horas que se poden facer poucas para un xogo de rol deste estilo. Pero tamén é certo, aquí non hai moita palla, polo menos se non contamos a longa torre final, que destaca máis por ser excepcional dentro deste mundo, xa que sería unha cova ao chou no Final Fantasy, con moitos máis inimigos e máis perigosos.

Azel arma

Precisamente foi nesa torre, nun dos xefes case finales, onde perdín a partida por vez primeira. Foi porque a miña táctica de empregar as maxias máis poderosas constantemente non funcionaba, e pensei que había un complicado crebacabezas para danar ao inimigo, cando o láser estándar do dragón era abondo para danar as dúas metades do inimigo. Aí tiven un pequeno momento de baixón, pero nada comparable aos intres iniciais do cuarto disco, onde avanzaba con preguiza a ritmo de cinco minutos cada día, con sorte, porque non me apetecía pensar en por onde tocaba avanzar ou con quen había que falar. Ao final puideron as ganas de rematar a aventura, e non serían moitas máis horas as que precisei para iso. Pode que este sexa un caso desas diversións que son máis aparentes unha vez sucedido o evento que durante o mesmo, porque agora coido que me gustou a experiencia, mais houbo intres nos que pensei en descansar un par de meses antes de atopar novas forzas.

Visitante divino

Agora lembro ben todos eses compases finais, como conseguín atopar unha táctica que me permitiu superar os múltiples dragóns grazas á maxia que bloqueaba os ataques rivais e contraatacaba gratis e esa sensación de que estaba a xogar a unha verdadeira xoia agochada tantos anos na miña propia ludoteca da Sega Saturn. É unha xoia moi bruta, que nos chegou sen abrillantar de todo, pero cunha dirección detrás que se deixa albiscar tras cada recuncho.

Resultado