shapez
Do Factorio sei o xusto: hai que evitar uns invasores mediante máquinas, que contaminan tanto que veñen máis invasores, o que precisa máis máquinas para sobrevivir, e así ata o infinito. Soa bastante como o mundo actual, e tamén bastante estresante, polo que nunca sentín moita atracción por ese xogo. Este shapez apareceu ofertado de balde para o meu móbil, prometendo unha experiencia de construción de máquinas relaxante. Non soaba mal, ante todo o de relaxante, así que me animei a probalo. Tiña na mente o SpaceChem, ao que non xogara dende comezos da década pasada, pero que recordo máis esixente tanto nas solucións precisas para avanzar polos niveis coma pola miña teima de intentar optimizalas o máximo posible para puntuar alto nas clasificacións (coido que no primeiro puzzle fiquei a un movemento do óptimo e nunca souben por que, igual paga a pena unha revisión).
O titorial deste shapez explicou ben abondo os conceptos básicos, e máis cedo que tarde xa estaba comezando unha partida real. Xa na pantalla de carga anímasenos a probar o Factorio, o xogo favorito do autor segundo el mesmo, o cal fíxome ver este derivado con máis simpatía debido a esa mención honesta. Mais tampouco precisaba gañar puntos dese xeito, porque a parte activa gustoume dende os primeiros encargos. Eran cousas sinxelas, que podía razoar, deseñar e implementar nunha curta sesión de xogo, perfecto para o formato móbil. Efectivamente, non había tensións de ningún tipo, ao non existir nin tempos límite nin inimigos. Ao mesmo tempo, é posible borrar todo o construído en calquera momento, sen penalizacións de ningún tipo e conservando os avances obtidos, polo que nin sequera decisións teñen un peso real co que cargar. Por último, o espazo é (virtualmente?) infinito, polo que a optimización en espazo tampouco é un requisito en ningún intre.
Combinando todo iso, atopei algo co que o meu cerebro de enxeñeiro gozou ben. Non tratei de emular eses tempos do SpaceChem no que o tempo de estudo de posibles melloras en cada nivel superaba por moito ao requirido para atopar a solución básico. Moi ao contrario, conseguín ficar contento con facer unha máquina que cumprira os requisitos sen dar máis voltas. Se non era nada eficiente, aumentaba o ancho de banda ata atopar un ritmo de saída razoable. Se tardaba vinte minutos en acadar o número de entregas precisas, pois deixaba correr ese tempo mentres facía outro proxecto opcional noutro lado para poder obter parte dalgunha mellorar. Non había tensión, non había necesidade de ir máis aló, e iso era perfecto para min mentres xogaba.
Así fun avanzando pola primeira metade dos niveis ata que desbloqueei o sistema de fábricas, que basicamente consisten en poder copiar-e-pegar as nosas máquinas. Foi entón cando puxen freo ás partidas case diarias e decidín botar un ollo en internet para ver se había algún xiro posterior, porque supoñía que non. E semella que me trabuquei. Hai elementos novos, entendo que con pequenas variacións nos deseños resultantes, e non me desagradaría probalos. Pero tamén penso que case toquei ceo nas limitacións de comodidade de xogar nun móbil (pensar en copiar e pegar fábricas dá preguiza), así que non sei eu se volverei algunha vez a esta versión.


