Clues by Sam
Moito crebacabezas diarios xoguei os seis meses posteriores á publicación do Wordle. Inda que non participaba en redes sociais, partillaba os resultados nun chat privado e nos daba de que falar. Valíanos calquera cousa: palabras, números, cancións, xeografía… O único nexo común era que saía un novo desafío cada día e que tiñamos algunha maneira de comparar os resultados. Co tempo, a vida volveu ao seu lugar e perdemos o costume, primeiro de seguir comparando e logo de seguir xogando. Nunca fun moi seareiro dese tipo de deberes de ocio (motivo polo que parei o Hearthstone uns anos antes, por exemplo), así que tampouco chorei pola perda. Agora atopei este Clues by Sam e, inda que non partillo os resultados, caín outra vez nas fauces do xogo diario, polo menos durante un total de tres semanas espalladas, nas que me adiquei a derivar se cada personaxe era inocente ou culpable en base ás pistas ofertadas.
A terceira semana foi a definitiva, aquela que me propuxen conseguir varias vitorias consecutivas sen erros. Trátase unicamente de prestar ben atención, porque nunca hai un escenario no que non se poida derivar o seguinte paso aplicando as lóxicas que temos ao noso alcance, evitando deste xeito esa sensación tan penosa en xogos como o Buscaminas nos que a mellor opción é tirar unha moeda para escoller entre dúas opcións, sabendo que unha perde a partida inmediatamente. Isto ten bastante mérito porque os tipos de indicacións son variados, e xunto coas mensaxes de ambientación de cada día, dan a ilusión de que os desafíos están feitos a man, mais eu penso que hai un bonito algoritmo detrás de todo iso, con quizais algún paso opcional de revisión manual. Resúltame moi motivador que exista algo así nun mundo no que hai xente pedíndolle por favor a unha máquina que se comporte dun xeito determinado, sen ter ningunha garantía de que así suceda. É curioso que a implementación deste Clues by Sam estea tan ben feita como para ser invisible e, ao mesmo tempo, poidamos apreciar a súa beleza.
Mais nada diso serviría se o xogo non fora divertido, e dentro do xénero da lóxica eu penso que puntúa bastante alto. Hai diferentes dificultades ao longo da semana, pero en todos casos é cuestión de ler ben as pistas, analizar se podemos derivar algo directamente ou se hai que formular hipóteses e comprobar se son estritamente correctas ou se as podemos negar. Tamén gazas á axuda dunhas marcas de cores podemos simular mellor eses universos alternativos e que non sexa preciso albergar tanta información na mente. O experimento saíu ben, con dous pequenos erros por non ler ben en dez días consecutivos, pero rematou cando enfermei de gastroenterite. A primeira noite, sen poder durmir por mor da enfermidade, imaxinaba na miña cabeza que tiña que resolver un problema similar aos deste xogo para poder desentrañar unhas pezas, que eran precisamente as que me impedían o sono. Claramente delirios que non chegaron máis aló, pero que contribuíron a romper a serie de partidas consecutivas.
Coido que non volverei a este xogo nun futuro próximo, máis por falta de novidade e dun obxectivo claro que por outra cousa, pero quedei un pouco animado para probar outras cousas similares. Quizais algún Sudoku con regras especiais de cando en vez.

