<<

O xogo da oca. Probabilidades?

Logo de tanto xogar á oca coas regras da casa, deume por pensar que estar máis adiante no taboleiro non é necesariamente mellor, porque podes deixar, por exemplo, de ter acceso aos dados que adiantan moito. Para corroborar a miña intuición, pensei en facer un pequeno programiña que empregara o método Monte Carlo para calcular o número medio de roladas precisas para acadar a vitoria dende cada casa do xogo. Isto requiriría algo de tempo pola miña parte, pero é do tipo de cousas que non me importa programar e sempre o paso ben. Pero logo de deixar a idea en barbeito durante un par de meses, decidín que quizais era un bo traballo para unha intelixencia artificial xenerativa desas que están tan de moda. Puxen os requisitos nunha lapela de ChatGPT e agardei polo resultado.

Lembro ben a primeira vez que empreguei ChatGPT. Tratábase dunha versión preliminar, á que tiña acceso porque probara antes o modelo máis bruto. Pedinlle un código para xerar un servidor web o máis sinxelo posible en Erlang. O resultado foi tal e como o faría eu, cunha coñecida librería de terceiros, pero inventando algunhas funcións que xa me tiñan unha pinta sospeitosa. Evidentemente, non aforrei nada de tempo, pero quedei inicialmente abraiado polo potencial da ferramenta. Mais, case instantaneamente, ese sentimento trocou nunha profunda tristeza. Non por cuestións éticas, ambientais ou sociais, xa que eran temas sobre os que inda non pensara, senón pola imposibilidade de desenvolver algo similar pola miña conta, nin sequera con axuda da miña empresa. Para isto precisábase un nivel industrial ao que nunca tería acceso.

Dalgún xeito, iso rompeu para sempre unha das miñas ilusións informáticas: que son capaz de implementar case calquera cousa con tempo e ganas. Sen dúbida, e por poñer un exemplo, sabía que non está na miña man recrear todo o núcleo de Linux, pero penso que si podería montar un pequeno sistema operativo, ou un sinxelo compilador de C por menos de 20.000€. Ou facer un videoxogo máis ou menos complexo. Ou algunha versión limitada dos programas que emprego acotío. No mundo da intelixencia artificial xa fixera cousiñas coma detección de cartas de póker, ou pequenos modelos de linguaxe baseados nos meus textos, pero endexamais terei capacidade de montar algo tan potente como ChatGPT. Agora sei que tampouco querería, pero ese non é o tema.

Pode que pensase todo iso nos minutos que tardou ChatGPT en criar o programa que lle pedín. Non son usuario desas cousas e era a primeira vez que pedía algo tan complexo, así que levei sorpresa con que tardara tanto. Boa parte do tempo pasouno xerando programas que fallaban con erros que logo intentaba corrixir. Na miña mente desexaba que rematase xa con tanta enerxía malgastada, e tamén agardaba que o resultado fose penoso para confirmar o meu nesgo. Mais o código que finalmente apareceu na miña pantalla tiña unha pinta estupenda.

Coido que non aclarei na miña petición o de analizar o número de roladas precisas para gañar dende cada casa, polo que o resultado final só contaba a distribución dende a primeira, algo que se vía ben no gráfico incluído (supoño que os números eran os correctos, pero non tiña maneira de contrastalos). As regras do xogo que empregaba por defecto eran diferentes das miñas, pero a función principal aceptaba un mapa onde as podiamos especificar, polo que era xenérico abondo para ser modificado facilmente sen problema. Non é como o faría eu, xa que sempre intento ter os mínimos niveles de abstracción, pero era difícil non estar satisfeito co resultado. Era unha base perfecta sobre a que podería implementar eu ese par de detalles que botei de menos. Ou, se cadra, pedirlle á máquina que tamén o fixera por min.

Pero non o fixen. Borrei inmediatamente a conversación. Sentinme estraño por empregar esta ferramenta. Non me apetecía ler, revisar e modificar o código obtido, e moito menos continuar a interactuar na conversación. É probable que aforrara tempo con esta vía respecto a facer o programa a man, pero non penso que pague a pena para satisfacer unha dúbida tan banal. Prefiro adiar o desenvolvemento e volver outro día coas respostas e unha satisfacción persoal maior.