Super Mario 64. Memorias dun neno xogón
O mellor de ir a certos centros comerciais era atopar unha consola para probar libremente, por moitas quendas que houbera que facer co resto da cativada. Para un neno habituado a pagar por cada partida nas recreativas, había algo prohibido en xogar de balde, e sempre pensaba que alguén me rifaría se abusaba dese privilexio. Nunca foi así, evidentemente, pero entre iso, a presión social de deixar o posto ao seguinte e que había que seguir cos recados, tampouco pasaba de probar o xogo anunciado durante uns poucos minutos. Os que máis lembro son o Ready 2 Rumble Boxing da Dreamcast no Blockbuster, un que non me gustou nada de cans e/ou gatos da Playstation no Pryca e este Super Mario 64 nun Toys”R”Us. Curiosamente todos de consolas que nunca tiven, así que esa publicidade non funcionou moito comigo, polo menos no seu obxectivo de que a miña familia gastase cartos.
Mais eses minutiños na fortaleza do Whomp deixaron certa pegada en min. Penso que foi a primeira vez que xoguei un plataformas tridimensional (lembro comparar o NiGHTS into Dreams… con el), e pouco despois xa se deixara o meu curmán parte dos seus primeiros soldos en mercar a Nintendo 64 co Star Wars: Shadows of the Empire, este Super Mario 64 e unha guía completa coa localización de todas as estrelas. Penso que foi nesa guía onde limos que aconsellaban, na primeira sesión de xogo, non entrar no castelo e practicar todos os movementos do protagonista no seu alfoz. Así o fixemos, e curiosamente, antes de volver xogar nesa casa, o meu amigo uruguaio convidoume ao seu fogar para estrear ese mesmo xogo. Cando cheguei, xa estaba a consola en marcha e xa apañara un par de estrelas! Non seguira o consello de practicar fóra! Aceptei tal sacrilexio e pronto foi a miña quenda de amosar todos os saltos que dominara uns días antes. Pasámolo ben e, durante as seguintes semanas, coido que chegou/chegamos a case un cento de estrelas atopadas. O de conseguir as 120 e saudar a Yoshi foi unha quimera toda a miña vida.
Porque nin na casa do meu amigo, nin na casa do meu curmán, nin sequera bastantes anos máis tarde, cando avanzaba aos poucos entre partidas do League of Legends, pasei das 110. Os meus principais inimigos eran as estrelas que saían ao atopar cen moedas e o nivel ese dos arcos da vella e alfombras voadoras, que podían coa miña paciencia. Aí atrás tamén vin varias horas de contrarreloxos deste xogo, co cal algo aprendín vicariamente, e inda hoxe penso que debería ser capaz de completar o cen por cento do xogo se tivese varias tardes para el. É un dos meus trazos tóxicos en torno a este xogo. O outro, que inda manteño, é que a cámara non me amola nin me limita. É dicir, que non son un experto porque non quero. E non o volvo xogar porque tampouco o quero confirmar. Coido que probarei algún outro derivado antes, coma o Super Mario Galaxy.