Super Mario Galaxy
Inda que o tiña na lista de xogos futuros, adiei bastante este Super Mario Galaxy porque non teño unha Wii e non sabía que tal podería funcionar emulado cos controis da Steam Deck. Convenceume Xurxo Diz de que a parte de apuntar á pantalla non era moi esixente, polo que me podería apañar cuns controis non idóneos. Alégrome dese convencemento, porque coido que a experiencia non se degradou moito polo emprego do mando non oficial e cumpría co meu obxectivo de atopar un Super Mario 64 moderno. Porque, inda que non teño nada do contexto porque non xoguei os intermedios, é unha idea bastante similar á de 1996: con novidades, máis refinada e co mesmo espírito.
A aventura comeza co secuestro de Peach, pero no lugar de estar confinados nun castelo, atravesaremos galaxias para apañar estrelas e liberar a princesa das farpas de Bowser. Esas galaxias son semellantes aos mundos-dentro-de-cadros do Mario 64, con varias estrelas para atopar en cada unha. Pero a maior diferencia vén de que son moitísimo máis guiadas ca no milenio pasado: ao seleccionar unha estrela de partida a galaxia configura os seus pequenos planetas para que sexa unha misión máis lineal e só sexamos capaces de apañar a estrela en cuestión (agás nas que teñen unha especial agochada, algo que se nos notificará por se queremos andar na súa procura). Deste xeito, non teremos que derivar do título o que teremos que facer e camiñar polo mundo buscando a estrela en cuestión. Tamén agora é moito máis claro que o mundo troca dependo desa selección, xa que no tridimensional primixenio non estaba tan claro cando sucedía.
Non é o único paralelismo co 64. Xa que hai dende unha mellor implementación do de apañar cen moedas, ata o caduco sistema de vidas, pero tamén pasando por un control da cámara que, inda mellorado, moitas veces deixa de ser transparente para ser un estorbo. Non axuda o tema dos planetoides coa súa propia gravidade. Resultoume bastante lea, especialmente no comezo, saber como aproveitala para certas transicións ou cara onde hai que inclinar a panca de movemento para que o protagonista vaia cara onde eu quero. Foron cuestións menores, pero que me impediron fluír do xeito que desexaba, sendo consciente de que era falta de habilidade pola miña parte.
Iso non me impediu gozar de case todos os desafíos, recoñecendo ao mesmo tempo que se me fixo algo longo o de levar as sesenta estrelas para a base de Rosalina. Por moito que en cada sesión de xogo collese, alomenos, un par delas, foron bastantes semanas as que lle adiquei para obter o final malo. Polo camiño tiven unha pequena crise porque perdín a configuración dos controis e non fun capaz de replicala, pero apañei ben cunha trampiña para o de apuntar á pantalla, por moito que non me atrevera a facer o desafío de surf máis complicado. En xeral, o xogo foi máis difícil do que agardaba, pero non tiven problemas con iso, máis aló de perder varias vidas consecutivas por intentar un nivel máis rápido do que debería, ou que se me atragoara un pouco unha das fases do Bowser final porque non me decatara do truco. Supoño que podería seguir a xogar de cando en vez para apañar as 120, pero non teño claro que atope as forzas mentais precisas para esa segunda parte.



