<<

40 Watt Sun - Wider than the Sky

Amar é facerse vulnerable. Escribir, cantar, publicar tamén o é. Hai que ser forte para non agochar esas cousas. Patrick Walker claramente é forte. Non se oculta tras moitos instrumentos namentres fala dos seus sentimentos internos. Moi a modo. Sen presa. Cada verso pode tomar o tempo que resulte preciso. Cada liña amosa unha debilidade do cantante. As canción van dirixidas a un ti lírico, pero o que importa non é ese “ti” senón o “eu”. A melancolía que eu sinto ante eses escenarios amorosos. Porque eses sentimentos saen de Patrick e chegan a min. Síntome vulnerable xunto a el. Síntome melancólico cada vez que comeza a primeira canción. A única mágoa é que non consiga manter o nivel deses primeiros dezaseis minutos.