We Become What We Behold
Se me preguntan, sempre digo que non teño redes sociais (antes o dicía sen que me preguntasen, coido que ía nos termos que aceptei ao cerrar a conta de Twitter). Mais iso non é certo de todo. Abrín hai uns anos unha conta de Instagram, só de lectura, para seguir unha conta por motivos educativos. Pronto creceron a un par delas e agora debo ter unhas vinte. Con iso atrapáronme, porque hoxe en día entro na aplicación de cando en vez, cando o meu cerebro non dá para máis, e fago o seu scroll infinito atopando pequenos videos de cousas que, de verdade, entretéñenme abondo. É foi todo derivado do que o algoritmo aprendeu de min, baseándose nas publicacións nas que máis me paraba. Supoño que se o abro agora atoparei unha mestura protagonizada por curtos de crianza, rugby, fútbol americano e algunhas outras merdas deseñadas para captar a miña atención e coas que teño que facer un esforzo moi consciente para non caer na súa trampa. O mesmiño que sucede cando atopo un titular que semella interesante nalgún diario en liña e teño que loitar por non satisfacer a miña curiosidade para non lles outorgar o premio da visita (que vai con uBlock, pero de seguro que a contan igualmente). É curioso ver como Instagram intenta asignarme perfís, ante todo cando non encaixan, como aquela época que claramente pensaba que eu era unha nai que dá peito inmigrada en España.
No plano político non atopara nada ata comezos deste mes, cando empezaron a aparecer, moi espallados, algúns contidos anti-Trump; é algo moi ocasional e nunca vin nada directamente proveniente da dereita reaccionaria, máis aló de anuncios pagados polo PP de Galicia. Non obstante, non podo dicir o mesmo de YouTube. Alí teño unha conta sen historial e non a emprego para navegar, xa que sempre vou na procura dalgún contido en concreto. Pero moitas veces, cando miro a listaxe de videos recomendados, atopo cousas como “Pedro Sánchez humillado en el congreso por un deputado de Vox”, “esta feminazi dice esto de los sucios inmigrantes” ou “2026: el año en que España dejará de ser comunista”. E eu só estaba a ver un vídeo sobre resolver Sudokus, sen máis contexto e sen premer nunca nun enlace dese tipo. Non me quero imaxinar a rapazada que comeza a sentir curiosidade por algún deses temas e pronto acaba con toda a aplicación chea de suxestións semellantes. Ou posiblemente peores.
O xogo de hoxe We Become What We Behold vai un pouco por eses lares, xa que veremos como as noticias consumidas por partes pequenas da poboación teñen efectos destrutores sobre o conxunto da sociedade. Superficialmente, semella estar máis orientado a ser unha crítica ao circo televisivo, pero penso que é igualmente aplicable a algo menos dirixido como poden ser eses algoritmos que buscan o máximo número de interaccións pero que chegan a mensaxes de odio bastante rapidamente. Paga moito a pena adicarlle os cinco minutos que ofrece no lugar de facer scroll infinito na rede social de moda.
Aviso moral: souben deste xogo por primeira vez porque o vin nun vídeo de Instagram.
