<<

Shotgun King: The Final Checkmate

Como xogador adolescente de xadrez que de vez en cando requiría un cambio de aires probei unha morea de variantes, amais de tentar inventar as miñas propias. Pero nunca atopei unha na que o bando negro estivese resumido ao rei equipado cunha escopeta. Tal é a idea deste Shotgun King, que non é unha variante do xogo de taboleiro ao que xogaría Afonso X, senón unha reinterpretación roguelike dixitalizada que inclúe moito chou, dende a ruta que toma cada un dos perdigóns ata as melloras que atopamos logo de cada taboleiro, ata que cheguemos a un xefe final que é tan grande coma decepcionante.

Escopeta

No comezo, todo é morte e diversión. Os controis son doados, o comportamento da escopeta é intuitivo (para os que coñecemos este tipo de armas de xogos como o GoldenEye 007 e nunca tocamos unha de verdade) e os inimigos son derrotados rapidamente. Aprenderemos ben cedo que a fonte de boa parte das mortes é por eliminar unha peza que está a bloquear o ataque dunha torre ou bispo, e precisamente esa será unha das cousas coas que teremos que ter máis coidado antes de cada disparo, por moito que eu caia nesa trampa unha e outra vez. Conforme aparecen máis pezas inimigas no taboleiro, máis doado é que nos conduzan a un xaque mate que, nalgúns casos poderemos evitar coa axuda da violencia dirixida.

Arco grande

O xogo perde a súa maxia ao obter vitorias e probar sorte nas dificultades progresivamente máis elevadas. Que se hai un novo cabalo en cada batalla, que se as torres teñen un puntiño máis de vida, que se a nosa escopeta dispara inda peor… pequenos castigos que se acumulan ata o punto que sobrevivir as primeiras batallas comeza a ser unha cuestión de atopar ben cedo as cartas boas. O sistema de escoller como se potencian ambos bandos tras cada loita é moi boa idea, pero a diferencia de poder entre moitas das posibles escollas fai que xa podamos intuír se unha partida ten futuro ou non bastante cedo. Eu xoguei ata superar máis da metade dos quince rangos de ascensión e coido que xa non podo máis. Xa rematara un pouco antes a fantasía de ser un rei armado cunha poderosa escopeta aniquilando todas as pezas brancas. No mellor caso, pasa a ser un coidadoso baile co rival onde imos aumentando pouco a pouco as nosas posibilidades de vitoria. No peor, unha fuxida continuada dunhas forzas que claramente nos superan.

Jaque mate

Con todo, a exploración inicial antes de que coñezamos moito do xogo e os momentos nos que todo sae ben son bastante satisfactorios, polo que é unha mágoa que semelle depender tanto da sorte chegados a certo punto. Non me arrepinto de xogar tanto, pero si que recoñezo que as últimas vitorias que tiven foron tras unha morea de fracasos e que houbo máis frustración ca satisfacción por un traballo ben feito. Voulle por freo porque, amais, a comodidade de xogar dende o móbil estas partidas curtas choca contra que se perda a partida en curso se deixas a aplicación esquecida en segundo plano un par de minutos. Moito se fala, e con razón, das conversións cutres de xogos de móbil a ordenador, pero este é un caso oposto cunha carencia bastante obvia.