Undercroft Warriors
Nunca soñei con ter tantos xogos de balde ao alcance das miñas maquiniñas. Igual por iso, igual por pobre, igual por acumulador dixital, é moi raro que non incorpore á miña conta de Steam un xogo gratis que normalmente custe cartos. E non me chega con iso, senón que moitas veces acabo xogando a títulos de calidade dubidosa simplemente porque están aí. Pero tamén sei recoñecer que, por un lado ou por outro, sempre aprendo algo. Undercroft Warriors é un deses xogos polos que non pagaría un can, dos quizais non comezaría se non fose normalmente de pago e dos que non me arrepinto de xogar máis de dúas horas por moito que o contido poda verse en dez minutos.
A idea é ter unha experiencia arcade curta na que o obxectivo e acadar a maior puntuación posible. As partidas duran entre dez segundos e dez minutos de percorrer un terreo sen fin mentres nos perseguen infinitos monstros que iremos matando. Unha receita sinxela que se pode interpretar de moitos xeitos distintos pero que aquí non remata de encaixar. Como acertos ten múltiples personaxes únicas con diferentes armas e habilidades, un estilo gráfico monocromo personalizable e a ausencia de metamelloras persistentes. Na súa contra ten que é unha experiencia repetitiva e caótica, na que a esquiva non é unha opción polo que teremos que empregar o misterioso sistema de recuperación de vida que, supoño, vai en función dos puntos obtidos tras cada morte inimiga.
O resultado de todo isto é que a mellor estratexia consiste en fuxir en liña recta atacando cara atrás constantemente, empregando as armas secundarias e as habilidades para aniquilar grandes grupos rivais, recuperar vida e minimizar riscos. Xoguei varias partidas así, tanto coa personaxe inicial coma con Oni, comezando na dificultade e velocidade máis elevadas intentando acadar o logro dos 6’66 millóns de puntos. Rendinme tras a partida con máis de cinco millóns e sen ganas de repetir para acadar o outro fito. Mellor será atopar e xogar outro xogo de balde.
