Stacklands
Stacklands foi o agasallo que recibín polo amigo invisible sen agardar eu nada parecido. Aí atrás xogara o Scrap Collector, que é un derivado claro deste ata non ser moito máis ca unha demo xogable; nin sequera o rematei e coido que atopei algún escenario no que, dependendo da sorte, nin era posible gañar tras uns poucos minutos de partida. Polo menos serviume para coñecer este xénero de civilización de amontoar cartas en tempo real sen tocar o Cultist Simulator, que me dá unha preguiza enorme e penso que pode non ser para min. Dito o cal, seguramente tamén pensaría que este Stacklands non sería para min inda que lle botara un bo feixe de horas seguidas na primeira sesión, como facía tempo que non me pasaba.
Nesa primeira incursión familiariceime cos sistemas, tiven un erro fatal coa comida que me levou a perder un par de aldeáns e acabei estabilizando cunha poboación de cinco poboadores que ía movendo continuamente de choio a choio. Todo avanzaba ben, cumprindo fitos ata a aparición do xefe final, que invoquei eu mesmo sen saber que ía ocorrer pero sospeitando que seguramente non estaba preparado. Levaba xa tres horas de partida e parecía un bo xeito de poñer fin. Evidentemente o demo que apareceu golpeaba máis duro que nada e levoume da súa garra ata a pantalla de derrota. Pero o verdadeiro derrotado fun eu, que tiña que estar en cama dende un par de horas antes.
O día seguinte, como bo adicto, non me daba chegado o intre de volver xogar. Pensei ben o plan, que basicamente era sobrevivir a base de cebolas cenorias, e comecei máis centrado que nunca. Esta vez era máis doado, non só pola miña experiencia, senón porque as “ideas” de combinacións que xa atopara na anterior partida estaban presentes e non aparecían ocupando espazos das outras cartas directamente útiles. Así e todo, tiven un par de sustos pola comida pero nada catastrófico. Apañeime para ter preto dunha decena de traballadores ben equipados para as loitas. Algún perdín contra a bruxa, pero o xefe final non puido facer moito contra o meu exército. Vitoria!
Agás polo detalle de que se desbloqueou un novo mundo no que case hai que comezar de cero, inda que se poidan transportar mercadorías dende/ata o vello mundo. Semella que este novo mapa será máis curto, pero todas as ganas que tiña ao comezo da noite xa marcharon, e os sucesivos intentos para empurrar ata o xefe final definitivo foron detidos pola preguiza definitiva ante o tempo que tería por diante para chegar a ese punto. Paseino ben, quizais demasiado, agradezo a agasallo que me gustou bastante máis do que agardaba, pero non quero saber nada máis de amoutar cartas en tempo real ata novo aviso.


