<<

Arch Enemy - Anthems of Rebellion

Ravenous foi a primeira canción con voces guturais que escoitei arreo, porque viña nun recompilatorio, que merquei nos tempos de instituto, rodeado de outras trinta bandas facendo o seu son de power metal. Mais estaría xa na universidade cando comecei a escoitar Arch Enemy máis acotío. Este Anthems of Rebellion, que sería ideal para un adolescente, pilloume maior nese aspecto, e co corazón menos rebelde que hoxe en día, pero inda así levábao case sempre no meu reprodutor. Levaba tempo sen escoitalo cando lle din unha nova volta o ano pasado. A sorpresa foi grande, porque pensei que era aburrido, repetitivo e que non remataba de soar nada ben. Esta semana, con esas lembranzas recentes na mente, púxeno de novo e… non está mal? Obviamente a familiaridade con todas as canción axuda a que entren mellor, e se cadra os efectos vocais que abundan en torno á repetida voz de Angela Gossow resultan pouco espectaculares, mais non atopo que teña grandes pecados nin que sexa o álbum de melodic death metal definitivo.