<<

Bouncemasters

Rexistreime en Kongregate en febreiro do 2008, para poder optar ao seu sistema de logros, polo que se podían gañar puntos virtuais por xogar a certos xogos flash da gran colección que tiñan. Non era máis que un metaxogo no que se subían niveis, non sei se con algunha recompensa relacionada, pero que animaba bastante a probar unha gran variedade de xogos, como Sonny, Portal: The Flash Version, unha morea de defensa de torres ou xogos de lanzar algo moi lonxe. Bouncemasters é unha recreación directa deste último xénero.

Saturno

Neste caso hai que golpear un pingüín cun bate de béisbol, que sairá disparado máis ou menos lonxe dependo do ángulo que apliquemos… e das melloras que merquemos. Porque basicamente o xogo, igual que os equivalentes de Kongregate, consiste en repetir ese pequeno bucle para obter moedas coas que multiplicar os efectos que impulsan o pingüín. Nin sequera entendín todos e aumentaba un pouco ao chou tras cada lanzamento, reiniciando rapidamente se non conseguía un bo ángulo de saída e tentando rebotar o máximo posible para gañar algúns metros extra, inda que normalmente fora o de menos; coido que se volvera xogar, con ánimo de acadar a vitoria o antes posible, case investiría unicamente no bate. Con todo, é cuestión de tempo chegar á illa coa pingüín femia obxectivo (outra pista de que o xogo mira con nostalxia ao pasado), porque cada avance mercado é significativo.

Estrela da morte

Eu tardei menos dunha hora. O xogo pode continuar para mellorar a marca ou para acadar os diversos logros. Curiosamente, non me saltaron en Steam aqueles que definitivamente conseguín e, se xa tiña pensado non forzar polos que me faltasen, iso foi o sinal definitivo para confirmar que non quería xogar máis. Inda está en certo desenvolvemento activo, cunha comunidade con pulo que, entendo, non xogou hai dezaoito anos aos orixinais sobre os que se construíu este. Ou iso, ou teñen moita nostalxia, porque aquí hai ata microtransaccións de pago que fan o xogo máis doado. O recadado vai para financiar a futura secuela. Agardo que esa traia novidades curiosas, pero non teño moitas esperanzas.

Bico