Picture Everything: Puzzle Cross Galaxy
Non xoguei moito nonograma na miña vida. Lembro a etapa do Picross Galaxy e algunha outra partida solta, todas en dixital, por moito que poida ser bastante bonito pintar os cadradiños a man; se algún día atopo por aí unha revista ao estilo das dos sudokus vouna mercar e falarei aquí dela. Ata entón fico coas pantallas, e desta vez tocou este Picture Everything que fai honra ao seu nome mais non ao legado dos picross dixitais.
O primeiro é que precisa conexión a internet para funcionar, xa que vai a un servidor alleo para poder montar os puzzles. Iso quere dicir que algún día deixará de funcionar para sempre, e ata diría que non ten ningún incluído na aplicación polo que, de aquí nuns anos, serán uns bytes totalmente inútiles. Pola outra banda, o que descarga semella ser un modelo tridimensional, en base ao cal constrúese o nonograma en si. E a semellanza entre o padrón poligonal e a solución do crebacabezas deixa bastante que desexar, tanto no deseño coma na dificultade. A idea de que permita buscar “calquera” cousa é boa, pero se, en xeral, o debuxo non é moi atractivo e o desafío case inexistente, pois pouco queda.
E ese pouco que queda é a interface e os controis. Xogando na Steam Deck hai unha morea de área desperdiciada e non e cómodo visualmente, especialmente nos máis grandes de 15x15, perde moito comparando co 25x25 que resolvín nunha pantalla máis pequena dun móbil. Non hai un sistema de control que non sexa co rato (ata no Picross Galaxy do móbil puxeron unha cruceta) e non funciona ben o de marcar un segmento consecutivo cun único trazo, xa que un mínimo tremor que nos faga pasar dúas veces pola mesma casa fará que se marque e desmarque de maneira inmediata.
En resumo, semella un prototipo dunha aparente boa idea pero que fracasa unha vez probado. Non me sorprendería saber que foi todo feito con intelixencia artificial e que sexa bastante complicado de modificar o comportamento do código.

