<<

Friska Viljor - Bravo!

O primeiro disco destes suecos é honesto coas súas pretensións de facer algo divertido, que neste caso coincide que é música, seguramente porque os podcasts non tiñan tanto tiro no 2005. Inda que non simpatizo coa súa inclinación a nunca compoñer sobrios, é complicado discutir que non lles funcionou. Nos mellores cortes conseguen transmitir felicidade a través da música, cunhas pequenas trazas de melancolía. Nos peores, semellan un grupo máis de indie rock que inundaban os reprodutores da xente con gafas de pasta na primeira década do milenio. O conxunto queda, por tanto, un pouco inconexo, con altos, baixos e ata unha versión da primeira canción, Shotgun Sister, na oitava *We Are Happy Now (La La La). Ese é un bo exemplo dos tipos de cousas que me atraen deste traballo, cando non ten medo a facer o ridículo.