<<

Fighters Destiny

Teño boas lembranzas de alugar este xogo de pelexas tridimensional na casa do meu amigo para pasar todo o fin de semana xogando a el. Como tiña máis experiencia nos King of Street Fighters que a miña contorna, dominaba nos bidimensionais pero as loitas cunha dimensión máis tendían ser máis desafiantes. E, no caso deste Fighters Destiny, con máis razón, xa que cada rolda de combate pode rematar nun único golpe ben dado, coma se isto fora un Bushido Blade sen armas. A maioría eran ben telegrafados, pero de cando en vez alguén conseguía encaixar unha contra rápida e espectacular que outorgaba tres puntos instantáneos. Non sei canto chegamos a dominar do sistema, mais quedei coa idea de que todo o que o facía único, e non se repetiu moito en futuros videoxogos, tiña presenza abondo como para ser revisado hoxe en día.

Boro

Con todo iso na cabeza, arranquei de novo o xogo, con ánimo de xogar só por primeira vez na miña vida. Probei primeiro o modo “mestre”, onde sucesivas loitas contra o sensei fai aprender novas habilidades á personaxe escollida, inda que tamén poderá aparecer por aí o Joker para mandarnos de novo ao comezo. A idea está ben, e coido que está pensado como un modo máis desafiante que o normal, pero tamén é menos variado ao non ter moitos rivais e algo frustrante. Por tanto, volvín ao menú principal para xogar o clásico contra a computadora. Curiosamente, tamén en contra de todos os canons habituais do xénero, non hai nin un indicio de historia, nin no manual. Simplemente escollemos unha personaxe, loitamos contra outras, cada unha do seu país e, no caso de vencer contra todas, aprenderemos unha nova habilidade. Nunca saberemos por que loitan, quen construíu esas plataformas tan altas e pequenas onde se loita ou como diantres fan para subir ata aí arriba.

Bob

Xoguei tres partidas nese modo co brasileiro, un tal Bob de pel escura, grandes músculos e pano na cabeza. Os seus ataques son lentos e poderosos, e o meu plan consistía en sacar de paseo os puños por arriba e agardar que algún conectase para obter tres puntos de maneira doada. Normalmente o rival decidía bloquear ambos, algo bastante doado porque tardaban como catro segundos en chegar, pero nese intre era posible aproveitar a súa recuperación para tentar encaixar algún golpe máis rápido a continuación. Non era bonito, pero máis ou menos funcionaba. Namentres avanzaba dese xeito polos combates, pensei en que só era unha estratexia válida porque o xogo así o quería. Por poñer un exemplo, como xogadores poderemos manter premido un botón para esquivar automaticamente todos os ataques, sen excepcións, coa contraprestación de que calquera agarre contra nós non poderá ser evitado. Obviamente esa técnica podería ser usada polos rivais, no lugar de bloquear, e castigar duramente os meus ataques. Non foi así, e conseguín chegar tres veces ata a xefa final, a suíza Boro, obtendo a vitoria na terceira, tamén porque incorporei novos ataques ao meu repertorio. Algunha esperanza quedaba no meu corazón, pero non houbo nin unha imaxe especial de Bob celebrando o éxito, moito menos un final ao estilo Street Fighter II.

Contra

Ía frear aí. Pero se me deu por dar un novo paseo con Leon, o español, esta vez no modo “mestre”. Foi como a noite e o día, comparado con Bob. Este ten ataques rápidos que funcionan como “contras”, gañando inmediatamente tres puntos se golpean cando o rival está atacando. Non é nada complicado acertar con elas, e se non rematei o modo mestre foi porque o Joker, o personaxe ruso especial, está trampeado para non poder ser contraatacado, o cal supoño que é unha solución dos desenvolvedores para atallar esta estratexia máis poderosa. Se o soubera antes, non pasaría tanto tempo con Bob e faría uns combates máis habilidosos xa dende o comezo. O español non repite aparición na secuela, así que, cando a xogue, terei que buscar outra personaxe equivalente porque, claramente, ese si que era o meu estilo.